Escoitar

A Orquestra Vigo 430 programa 8 concertos para a próxima temporada

O alcalde presentou en rolda de prensa este mércores a programación da nova temporada, entre outubro e maio de 2023, acompañado de Javier Escobar-Vidal, director artístico da 430.

mércores, 6 xul 2022

“Múltiples resonancias” é o título da programación da nova temporada 2022/2023 da Orquestra Vigo 430 que inclúe oito concertos, que se celebrarán entre o vindeiro mes de outubro e maio do ano 2023, con diferentes influencias estilísticas e propostas musicais.

O alcalde convidou á cidade a gozar do programa e da calidade musical da orquestra. Javier Escobar agradeceu o apoio do Concello á orquestra e ao programa que cualificou como “o mellor que realizamos ata agora”.

Explicou tamén que o programa combina o talento local co foráneo cun gran elenco de artistas como o dúo Grimm, a violagambista Amarilis Donas, a violinista Maya Levy ou a oboísta galega Iria Folgado, ademais do multi instrumentista Sergey Malov e o violinista Jonian Ilias Kadesha.

Os recitais, un mensual, son os que seguen: en outubro a Ensemble Vigo 430; en novembro a Barroca Vigo 430 con “Arcos e espadas”. No mes de decembro a Sinfónica Vigo 430 co espectáculo “Música e videoxogos: unha odisea sinfónica” sobe ó escenario do Auditorio Mar de Vigo ás 20 horas. En xaneiro, Múltiplensemble&Ensemble Vigo 430 con “Múltiples resonancias” chega ao Auditorio Martín Códax que acolle tamén os concertos de febreiro: Sinfónica Vigo 430 – 20 horas-; marzo: Sinfónica Vigo 430 ás 19 horas e abril: Ensemble Vigo 430 ás 20 horas. A programación remata en maio co recital da Sinfónica Vigo 430 no Auditorio Municipal ás 20 horas.

 

Descargar todas as imaxes