Escoitar

Concello e Deputación inauguran a humanización de Serafín Avendaño cunha renovación total da rúa

Abel Caballero e Carmela Silva visitaron esta mañá o tramo de Serafín Avendaño que veñen de humanizar entre as dúas administracións, o situado entre Areal e Rosalía de Castro. Cun orzamento de case 300.000 euros -dos que o 80% correron a cargo da institución provincial – foi unha obra complexa desde o punto de vista arqueolóxico.

mércores, 6 xul 2022

O alcalde e a presidenta da Deputación achegáronse esta mañá ata a rúa Serafín Avendaño para comprobar o estado da humanización que acaba de rematar, entre Areal e Rosalía de Castro. Cun orzamento de case 300.000 euros, tratouse dunha obra con grandes dificultades técnicas por razóns arqueolóxicas e, polo tanto, os traballos desenvolvéronse estremando o control arqueolóxico. Renováronse as redes de saneamento e abastecemento, con beirarrúas de granito, nova iluminación, xardineiras, mobiliario urbano, nova sinalización e semaforización.

Caballero agradeceu á Deputación que achegara porque “non cofinancia, senón que paga o 80% dunha obra que quedou extraordinariamente ben”. Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, remarcou a actuación facendo fincapé na recuperación do espazo público. “Cando enches de verde, de flores os espazos, cando fas unha cidade con esta calidade urbana a xente o recoñece, é feliz e, ademais, aparecen negocios de hostalería, comercios e, polo tanto, actividade económica e creación de emprego”, destacou. Tamén manifestou que a Deputación, “ao igual que fixemos con Serafín Avendaño, na que participamos cofinanciando a actuación, continuará traballando nesta cidade, facendo moitas máis obras e participando para facer de Vigo unha cidade que é un soño”.

Na súa intervención, Caballero lembrou que estar rúa xa estaba humanizada entre Rosalía e Garcia Barbón e, a partir de agora, seguirá a mellora entre García Barbón e o ascensor HALO, un espazo no que ademais dun elevador, instalarase unha rampla mecánica. Finalmente, continuarán os traballos de remodelación de Serafín Avendaño ata a súa confluencia con Vista Alegre, na parte de atrás da Tesourería da Seguridade Social.

A este respecto, Caballero engadiu que o Concello está a traballar nun convenio patrimonial con Adif, que se vai asinar o 19 de xullo, para adquisición de solo destinado a viario público, mediante permuta e cesión de uso provisional no ámbito da UE Unión Cervecera. Trátase dunha parcela en Serafín Avendaño de 540 m2 o goberno local permutará por unha parcela municipal situada na rúa Aragón. Ademais desta permuta, o convenio establece tamén a cesión anticipada de uso provisional e gratuíto doutras dúas fincas, unha situada na rúa Canadelo Baixo e outra na rúa Callao.

 

Descargar todas as imaxes