O Concello financia con 500.000 euros as actividades socioculturais realizadas no Auditorio Mar de Vigo
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para o financiamento das actividades que organicen empresas neste espazo de titularidade municipal co fin de “apoiar e potenciar a oferta sociocultural da cidade”.
A convocatoria vai destinada a subvencionar aqueles eventos que se realicen no período comprendido entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022 no Auditorio Mar de Vigo, un espazo singular, que, segundo apuntou o rexedor, “queremos dotar de actividades que afonden na diversidade das programacións, no acceso a discursos artísticos plurais e na creación de novos públicos que acudan aos espectáculos do recinto”.
O goberno municipal quere, con esta iniciativa, favorecer a promoción da cultura achegándoa á cidadanía e consolidando as industrias culturais “un desenvolvemento importantísimo en Vigo” e o Auditorio, polas súas especiais características, “permite facelo; permite ampliar e promover espectáculos e actividades que non son susceptibles de celebrarse noutras instalacións de Vigo”, posibilitando o acceso maioritario da cidadanía á cultura nas súas diferentes vertentes e modalidades.
Tal e como explicou Caballero, as subvencións concédense ás empresas que organizan as actividades no Auditorio, en réxime de concorrencia competitiva, alcanzando o 50% do importe presentado de cada actividade. O importe máximo a subvencionar é de 200.000 euros.
Novos servizos na praia de Santa Baia
A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén este xoves á modificación do contrato de servizo de vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria de primeiros auxilios nas praias de Vigo co obxectivo de estender estes servizos á praia de Santa Baia, que este ano recibiu a bandeira azul por primeira vez. A modificación supón incrementar o importe do contrato en 31.000 euros para ampliar o servizo a este areal onde se está construíndo unha rampla de acceso á praia pero, namentres non conclúan as obras, haberá unha cadeira para baixar as escaleiras. Dispoñerá tamén dunha cadeira de baño adaptado igual que en Samil e O Vao e de baños adaptados. O investimento final na praia de Santa Baia elévase este ano a 50.000 euros adicionais.
Vigo conta neste 2022 con 11 praias con bandeira azul e 3 sendeiros azuis; “somos a cidade de España con máis bandeiras e sendeiros azuis”, recalcou o rexedor.