O goberno municipal oferta 300 prazas nos campus polideportivos VIDE para este verán
Desde este xoves, 26 de maio, está aberto o prazo de inscrición nos campamentos deportivos municipais nos que poderán participar 300 nenas e nenos da cidade, en períodos semanais, desde o 27 de xuño ata o 15 de xullo.
O alcalde deu conta esta mañá da nova oferta estival de campamentos municipais nos que as nenas e nenas de entre 6 e 14 anos participarán nun “campus activo e deportivo, con catro sesións ao día” e cun tempo previsto tamén de descanso.
O Concello abre este xoves 26 de maio o prazo para a preinscrición nos tres Campus Polideportivos VIDE que suman 300 prazas e que se realizarán durante tres semanas: do 27 de xuño ao 1 de xullo no Pavillón de Travesas, do 4 de xullo ao 8 de xullo no Pavillón de Travesas e do 11 de xullo ao 15 de xullo no Complexo Deportivo de Samil.
As persoas interesadas en sumarse a estas actividades deben realizar a preinscrición no teléfono 986247104. No caso de obter praza, recibirán un mail de confirmación e deberán cumprimentar un formulario de inscrición nas seguintes 24 horas.
Ademais, ata o 3 de xuño, segue aberto o prazo de inscrición dos campamentos de verán municipais: “Verán Xove 2022” a través da web veran.xuventudevigo.org para o que xa se levan rexistradas 1.700 solicitudes.
O Concello oferta 3.478 prazas para nenas e nenos nados entre 2005 e 2018, desde xuño ata setembro, son 1.110 prazas máis que o ano 2021 dado o incremento da demanda existente na cidade, e dedica un presuposto de 335.900 euros, 108.900 euros máis que en 2021.