Escoitar

Declaración Institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano

A concelleira de Política de Benestar, Yolanda Aguiar, deu lectura ao manifesto na sesión plenaria do mes de maio no nome da Fundación Secretariado Xitano de Galicia, para conmemorar a data, que se celebra cada 8 de abril.

mércores, 25 mai 2022
Yolanda Aguiar durante a lectura da Declaración Institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano
Yolanda Aguiar durante a lectura da Declaración Institucional polo Día Internacional do Pobo Xitano

“Celebramos, un ano máis, o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano. Unha celebración que conmemora o 1º Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres en 1971, no que se adoptaron os símbolos propios do Pobo Xitano: a bandeira azul e verde cunha roda vermella, e o himno Gelem, Gelem. En España foi en 2018, a petición do Congreso dos Deputados, cando tivo lugar o recoñecemento do 8 de abril como Día do Pobo Xitano, así como o uso da bandeira e o himno xitanos.

O 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, é o momento de comprometerse como sociedade, como país, coa plena igualdade dos xitanos e das xitanas. Igualdade desde o recoñecemento da diversidade e do valor dunha identidade cultural propia, pero que forma parte da nosa historia e a nosa cultura compartidas.

Cada vez máis institucións e persoas súmanse ano a ano a esta celebración, nun xesto simbólico de recoñecemento. Pero a pesar dos avances, os xitanos e xitanas seguen estando por detrás e a gran distancia do resto da sociedade no goce de dereitos fundamentais como o emprego decente, a educación de calidade, unha vivenda digna ou o dereito a non ser discriminados.

Un motivo de celebración deste 8 de abril é a aprobación, o pasado mes de novembro, da nova Estratexia Nacional de Igualdade, Inclusión e Participación do Pobo Xitano 2021-2030. Un marco político específico que nace non só do recoñecemento da situación de desigualdade e discriminación da poboación xitana e da necesidade de dar unha resposta estrutural a esta situación, senón que tamén avanza no impulso da participación e o recoñecemento do Pobo Xitano na nosa sociedade e nas institucións.

Outro recente fito institucional de relevancia foi a posta en marcha da Subcomisión para o estudo dun Pacto de Estado contra o Antixitanismo e a Inclusión do Pobo Xitano no Congreso dos Deputados, e o inicio das comparecencias para a elaboración do informe que permita alcanzar un Pacto de Estado. Dous fitos moi relevantes que configuran o marco político e institucional para avanzar na igualdade, a inclusión e a participación do Pobo Xitano.

A celebración do Día Internacional do Pobo Xitano 2022 chega nun terrible contexto de conflito internacional coa invasión militar rusa de Ucraína, e non podemos ignorar o que está a suceder nas fronteiras da Unión Europea. Por iso, este ano queremos que o 8 de abril constitúa tamén unha sentida homenaxe a tódalas persoas que están a sufrir en primeira persoa as consecuencias desta guerra, tanto en Ucraína como nos países limítrofes, e especialmente á comunidade xitana ucraína, que sabemos que en moitos casos está a sufrir un trato discriminatorio.

O Pobo Xitano caracterízase pola súa solidariedade, pola súa unidade, pola súa identidade compartida e os seus vínculos máis aló das fronteiras; e sabemos que nas crises sempre teñen máis dificultades quen está nunha situación de maior vulnerabilidade, como os xitanos e xitanas. Por iso queremos apelar á solidariedade con tódalas vítimas desta guerra, tamén co pobo xitano ucraíno, e compartir a reivindicación dunha sociedade xusta, baseada nos dereitos e as liberdades, nos valores democráticos, na igualdade de oportunidades e na cohesión social, para o Pobo Xitano e para o conxunto da sociedade.

Vivimos nun contexto de dificultades (crises, pandemia, guerra...) pero que non pode supoñer un paso atrás nos avances que demos na garantía de dereitos e oportunidades para o Pobo Xitano en España e en Europa. Por iso, os pasos que se van dando no recoñecemento institucional, e a conmemoración do 8 de abril é un deles, deben traducirse tamén en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo, e avanzar en dereitos e cidadanía do Pobo Xitano.

Feliz 8 de abril.”

Descargar todas as imaxes