O Concello contrata de urxencia o derrubo dun edificio en ruína en Ramón Nieto
O Pleno tomou coñecemento este mércores da contratación, que se executará de forma subsidiaria, é dicir, que o seu custo de 26.000 euros será repercutido á propiedade. María José Caride explicou que o derrubo “non pode esperar” e puxo en valor o “esforzo” municipal na rehabilitación.
A Corporación tomou coñecemento da contratación, mediante trámite de emerxencia, das obras de derrubo dun edificio en situación de ruína inminente no número 190 da Avenida Ramón Nieto, onde se rexistrara un incendio.
Ante o Pleno, a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, explicou que os Bombeiros e os arquitectos municipais emitiron sendos informes certificando o estado ruinoso do inmoble, con perigo de colapso inminente, polo que o Concello actúa mediante de forma subsidiaria. Así, a administración local levará adiante a demolición e trasladará os 26.000 euros de importe aos propietarios, responsables do estado do edificio.
Os grupos da oposición respaldaron a decisión e incidiron na necesidade da vixilancia. O edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, anotou a importancia de actuar con axilidade e intensificar as actuacións preventivas, mentres que o voceiro da Marea, Rubén Pérez Correa, asegurou que Urbanismo tramita actualmente un centenar de expedientes de ruína e resaltou que, nos casos de ruína, as propiedades deben ser expropiadas ou sacadas a poxa pública. Polo PP, a concelleira Carlota Bartolomé Tocino afirmou que na situación do de Ramón Nieto están máis edificios na cidade, recordou o derrubo dun recente en Areal e avogou pola actuación preventiva para evitar chegar a actuacións subsidiarias.
Caride pechou o debate agradecendo o apoio do resto dos grupos políticos á actuación e subliñando o “esforzo do Concello nos últimos anos na rehabilitación da vivenda”. A tenente de alcalde puxo os exemplos de Barrio do Cura e Cordelerías, sitios ocupados que se van transformar en “espazos urbanos de calidade”. Ademais, Caride explicou que o rexistro de soares puxo sobre a mesa a necesidade de rehabilitar e trasladou que a oficina municipal de vivenda tramitou 1.300 axudas só para o Casco Vello.
A responsable municipal de Urbanismo destacou a necesidade da vixilancia, sen esquecer que o mantemento dos inmobles é unha obriga dos seus propietarios. Con todo, Caride puxo en valor que as Áreas de Rehabilitación Integral na cidade pasaron de catro a oito zonas e que en breve será reforzada a oficina municipal de conservación.