Escoitar

Vigo insta á Xunta a financiar unha parte do custo da nova potabilizadora de Vigo

O Pleno Municipal aprobou este mércores a moción na que o grupo municipal socialista reclama ao goberno autonómico unha achega económica do 30% do importe estimado para a construción da nova potabilizadora de Vigo, inicialmente prevista en 23 millóns de euros. Os grupos da oposición votaron en contra.

mércores, 25 mai 2022

O tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, expuxo na sesión plenaria que a cidade arrastra desde hai anos o problema do desabastecemento de auga “sen que a Xunta adopte ningunha medida”. Apuntou que nas situacións de seca “máis difíciles” a Xunta rexeitou, nos anos 2013 e 2017, a proposta de realizar un transvase de emerxencia seguindo unha “política de obstaculización a esta cidade e aos concellos da Área Metropolitana” cuestionando as solucións técnicas que se propoñen para atallar o problema. Pola contra, o Concello de Vigo está a construír unha nova potabilizadora, cun investimento de 23 millóns de euros “financiada exclusivamente pola cidade”.

A moción recolle tamén a obriga do goberno autonómico de actuar ante o problema de desabastecemento de Vigo por ser unha competencia propia e insta á Xunta de Galicia a asumir o estudo de alternativas á presa de Eiras así como a realizar unha achega económica do 30% do importe estimado para a construción da nova potabilizadora de Vigo, que inicialmente está prevista en 23 millón de euros. Ademais o Pleno insta á Xunta de Galicia a investir os 6 millóns de euros que recada pola taxa de abastecemento nas actuacións necesarias en materia de infraestruturas para o abastecemento de auga.

Descargar todas as imaxes