Escoitar

O grupo vigués Noescafé presenta "Sinfólico" dentro do IV Verán de teatro

Dentro da programación do ciclo IV Verán de teatro, o mércores 16 de xullo, vai actuar a compañía viguesa Noescafé, que representará ás 23:00 na praza da Estrela a súa última montaxe, "Sinfólico". No caso de que a chuvia non o permita, a función será no auditorio municipal.

martes, 15 xul 2003
"Sinfólico" é un curioso drama en clave de humor, o drama dos actores que queren abrirse camiño no difícil mundo do teatro, no que tres personaxes que se desdobran e xogan a ser outros, que discuten, sofren e rin... son capaces de calquera cousa por chegar arriba. Son eles quen, a través de diversas escenas e cancións, van contando tódalas súas andainas.

Ó comezo e ó remate da obra, os tres actores aparecen vestidos de laranxas mecánicas, pero, ó contrario que na película de Kubrick, eles son bos ó principio e malos, moi malos, ó final.

A compañía viguesa naceu nos albores do novo milenio e xa ten colleitado varios éxitos. O grupo é afeccionado a facer teatro, pero tamén a organizalo, de aí que conseguira consolidar o Festival Alternativo de Teatro "Vigo a outra alternativa", que xa chegou á súa terceira edición.

Noescafé aposta sempre por mesturar actores con e sen experiencia, e caseque todos son autodidactas. Desde a súa creación o grupo xa ten recibido moi boas críticas polos seus espectáculos, nos que tratan de transmitir o seu xeito de entender o teatro.

No caso de que as condicións climatolóxicas non permitan a actuación ó aire libre, a representación trasladaríase ó auditorio do Concello, na praza do Rei.