Escoitar

O alcalde analiza co delegado do Goberno as posibilidades de garantir o abastecemento de auga de Beade

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, e o concelleiro de Vías e Obras, Xavier Toba, acompañados por técnicos municipais e ministeriais reuníronse na Coruña co delegado e subdelegado do Goberno co obxectivo de buscarlles solucións aos problemas de abastecemento de augas que poderían derivarse das obras do segundo cinto na parroquia de Beade.

luns, 14 xul 2003
Durante case unha hora trataron de artellar mecanismos que permitan reconducir a auga dos mananciais que a consecuencia dos movementos de terras xa non se traslada a dúas das presas que abastecen a parroquia.

O Concello comprometeuse a facer chegar os informes detallados desta situación o xoves 17 de xullo ao xefe de Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia. O vindeiro luns 21 de xullo os técnicos volverán reunirse na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para pór en marcha con carácter de urxencia as medidas necesarias para atallar este problema.

Ao remate da xuntanza, o alcalde trasladoulle persoalmente o contido do encontro á presidenta da asociación de veciños de Beade.