Escoitar

Deportes encarga unha auditoría para o estudio da estructura do estadio de Balaídos

A Comisión de Goberno aprobou destinar 95.940 euros á elaboración dun estudio que se realizará no prazo dun mes polo procedemento negociado de urxencia para avaliar a situación da estructura do estadio municipal de Balaídos.

luns, 14 xul 2003
O enxeñeiro municipal estima urxente a contratación dunha asistencia técnica para a redacción dun estudio sobre a estructura do estadio municipal de Balaídos. Debido a que non existe crédito suficiente para contratar este gasto no orzamento de Deportes, cómpre proceder a unha modificación do orzamento por transferencia de crédito por importe de 95.940 euros. No informe advírtese de que se trata dun asunto preferente dada a súa urxencia.

A Comisión de Goberno adoptou o acordo de proceder á identificación das zonas danadas que poidan supór risco para as persoas e pechar as zonas afectadas que impliquen, en aparencia, risco para peóns e usuarios. Ademais, notificáronselle ao Real Club Celta estas actuacións.

A concelleira de Deportes, María Xosé Porteiro, xa lle transmitiu ao presidente do club que esta entidade debería asumir a contratación das obras para cumprir os requirimentos da UEFA para os que non hai neste momento dispoñibilidade orzamentaria no Concello de Vigo, sen prexuízo de que se atope un mecanismo de colaboración posterior para o que se mantén a mellor disposición.