Escoitar

Pérez Mariño asina o convenio da quinta fase de rehabilitación do Casco Vello

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, asinou o convenio para a entrada en funcionamento dunha nova quenda de rehabilitación de vivendas no Barrio Histórico. O orzamento total das actuacións previstas é de 809.474 euros que servirán para arranxar 31 vivendas en tres anualidades.

luns, 14 xul 2003
O alcalde suscribiu co titular de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, o acordo cos rexedores de 20 concellos galegos e, a continuación, presentou a política de rehabilitación de cascos históricos nun acto celebrado no Pazo de exposicións e congresos de Santiago de Compostela.

O Casco Vello foi declarado Área de Rehabilitación o 29 de setembro de 1997 e, en consecuencia, pódense protexer e financiar as operacións de rehabilitación de edificios e vivendas promovidas nese ámbito así como, se fose necesaria, a execución da urbanización ou reurbanización da zona e de ser o caso as obras de demolición.

Na comisión bilateral de seguimento do plan de vivenda 2002-2005, integrada pola Dirección General de la Vivienda, la Arquitectura y el Urbanismo, do Ministerio de Fomento e o Instituto Galego da Vivenda e o Solo acordouse, con data de 20 de febreiro de 2003, a programación dunha quinta fase de actuacións.

Este convenio ten por obxecto establecer as bases de actuación conxunta e coordenada entre as partes que o asinan para acadar a quinta fase de rehabilitación da Área do Casco Vello. O número de actuacións cualificadas para a próxima rehabilitación é de 31 vivendas. A vixencia do convenio comezará ao día seguinte da súa sinatura e estenderase ata o 31 de decembro de 2005, prazo que poderá ser prorrogado mediante acordo das partes de existir razóns suficientes que a xustifiquen.

O orzamento total das actuacións previstas é de 809.474 euros. As contribucións do Ministerio de Fomento e do Instituto Galego de Vivenda e Solo terán un importe de 124.000 euros (24.800 en 2003, 62.000 en 2004 e 37.200 en 2005). Aos promotores particulares das actuacións de rehabilitación corresponderalle a achega da cantidade restante por importe de 561.474 euros.

Nas catro primeiras fases rehabilitáronse 170 vivendas cun investimento de 5.392.712 euros.