O Concello avanza na recuperación do Barrio do Cura e xa ten parcelas de titularidade municipal
A rehabilitación do Barrio do Cura avanza co cambio de titularidade de parcelas dese ámbito que pasan a ser municipais, tal e como recolle o proxecto de compensación. Trátase dun paso máis na recuperación dunha zona histórica no centro da cidade, salientou Abel Caballero.

O goberno municipal prosegue na recuperación do Barrio do Cura, unha zona moi degradada no centro da cidade, e hoxe comezaron os trámites para a inscrición rexistral das parcelas a nome do Concello, tras a aprobación do proxecto de compensación. Tal e como detallou o rexedor, o ámbito prevé zonas verdes, hortas urbanas o que suporá un espazo medioambiental “enormemente” positivo no centro da cidade.
O proxecto de compensación -que recolle o solo non consolidado – inclúe, ademais das zonas verdes, unha parcela do 10% da edificabilidade e outra para a nova escola infantil. Tamén prevé a ampliación da rúa Torrecedeira dentro do viario do ámbito. Dos 12.000 m2 de solo urbano non consolidado, o Concello disporá de 7.000 m2 aproximadamente.

