Escoitar

O Concello culmina a obra de Gómez Román na Guía coa instalación do Cristo na ermida

Co remata da instalación do Cristo do Sagrado Corazón, a capela da Guía xa está rematada segundo a deseñou o “excepcional” arquitecto Manuel Gómez Román en 1951. “Estamos encantados de completar esta obra de arte dun arquitecto cunha traxectoria democrática impecable”, afirmou Caballero.

mércores, 11 mai 2022

O alcalde deu conta esta mañá da culminación da capela da Guía, obra do máis importante arquitecto de Galicia Manuel Gómez Román. Coa instalación do Cristo do Sagrado Corazón complétase unha obra “marabillosa” dun arquitecto “excepcional” que quedou sen rematar desde o ano 1951. Trátase, explicou o rexedor, dunha escultura de 6 metros de alto e 6 toneladas de peso que está formada en seis pezas dun metro cada unha.

En declaracións aos medios, agradeceu o “bo facer” da Escola de Canteiros na construción da escultura que seguiu “meticulosamente” as indicacións de Gómez Román. Nesta capela da Guía, “un faro na nosa Ría”, faltaba a peza máis visible arquitectonicamente. “Estamos encantados de completar esta obra de arte dun arquitecto cunha traxectoria democrática impecable”. O rexedor lembrou que durante a República Gómez Román foi membro do Partido Galeguista, da Editorial Galaxia e de diversas institucións de estudos antropolóxicos de Galicia.

A escultura foi doada ao Bispado froito dun convenio tripartito entre Concello, Deputación e a Diócese de Vigo.

Na mesma rolda de prensa, Caballero aclarou que en breve se iluminará tanto o paruqe da Guía como o contorno da ermida. O Concello leva dous anos tratando de obter permiso de Patrimonio da Xunta para poder acometer ese proxecto de renovación e instalación de luminarias.

Descargar todas as imaxes