Caballero valora o “éxito” das saídas educativas pola ría, das que xa gozaron 600 estudantes
O alcalde saudou este martes ao alumnado de 6º de Primaria do Carrasqueira e do Emilia Pardo Bazán, que tomaron parte do programa municipal gratuíto “Unha xanela aberta á ría de Vigo”. Abel Caballero puxo en valor o “gran éxito” da iniciativa.
O Concello ofrece aos centros educativos da cidade percorridos didácticos pola ría para estudantes de 6º de Primaria, a bordo do Nautilus, dotado dun dron submarino e pantalla 4K para coñecer o fondo da ría de Vigo.
Este martes partiron case que un centenar de chicos e chicas dos colexios Carrasqueira e Emilia Pardo Bazán, elevando a 600 o total de escolares que xa tomaron parte no programa municipal. Na proposta, de aproximadamente unha hora de duración e a través de monitores especializados e con imaxes a tempo real, se mostra aos estudantes a riqueza da ría, a dinámica do plancto, o cultivo do mexillón e a fauna que habita no fondo da ría.