O Concello ampliará servizos da PassVigo e porá en marcha a plataforma dixital para o comercio da cidade
Abel Caballero mantivo unha xuntanza coa ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, na que expuxeron os proxectos que o goberno local porá en marcha co millón de euros asignados do Goberno de España para procesos informáticos e telemáticos.
Abel Caballero vén de anunciar que co millón de euros asignados pola carteira de Política Territorial o goberno local mellorará a relación do Concello cos cidadáns a través da PassVigo. Así trasladoullo á ministra, Isabel Rodríguez, coa que mantivo unha xuntanza na mañá deste luns. Tamén servirán para a creación da plataforma central de venta dixital do pequeno e mediano comercio de Vigo.
O Goberno de España asignou a Vigo un millón de euros para procedementos informáticos e telemáticos. Unha parte deses cartos vai para o departamento de seguridade, segundo explicou o rexedor, “e ampliará a PassVigo con máis contido e facilidades para os cidadáns, ademais de mellorar os sistemas web, a comunicación dixital e sistemas telemáticos”.
O alcalde tamén anunciou que cos cartos recibidos polo Goberno de España porá en marcha, a plataforma dixital para o pequeno e mediano comercio de Vigo, “que está xa avanzada”. Ademais disto, falaron doutros asuntos como a instalación de grandes pantallas na rúa para que os cidadáns e cidadás reciban información dinámica a través de vídeos e textos para o que hai un orzamento previsto de 800.000 euros.
Convenio FEMP e a AGE
Caballero e Rodríguez, asinaron, na sede do Ministerio, o convenio de colaboración anual da Administración Xeral do Estado. O importe do mesmo ascende a 2,5 millóns de euros, un 19,05% máis respecto a 2021.
Este convenio inscríbese na tradicional colaboración que mantén a AGE coa FEMP “no desenvolvemento das funcións que corresponden á devandita asociación, en beneficio dos municipios, provincias, illas e as súas distintas Entidades Locais”.
Tal e como se destacou no transcurso do acto, as relacións entre o Ministerio e a Federación son de estreita colaboración nos últimos anos. Froito diso é o incremento da partida correspondente a este exercicio que, tras quedar conxelada no ano 2013, veuse consolidando e incrementado de tal modo que nos PGE de 2022 ascende, como se indicou, a 2,5 millóns de euros, o que representa un incremento do 19,05% respecto a 2021 e de 25% respecto a 2020.