Vigo atende xa a 33 refuxiados ucraínos en colaboración coa ONG Accem
Son homes e mulleres chegados a Vigo polos seus propios medios que están a ser apoiados polo Concello e a entidade, tanto para o aloxamento como na información para conseguir o status de refuxiado. Abel Caballero: “Permanecemos atentos a todos os que vaian chegando”.
O alcalde detallou que a última hora da tarde do sábado chegaron á cidade en tren vinte persoas, aos que entre o Concello e Accem lles buscaron aloxamento para pasar a noite e, destas, dezaoito decidiron continuar ata Porto e dúas quedaron en Vigo. O domingo foron tres as mulleres ucraínas que arribaron á urbe e establecéronse con familiares e este luns, outra familia tamén asentada cos seus parentes.
Ademais, engadiu Caballero, outras vinte cinco persoas procedentes de Ucraína tamén están a ser atendidas polo Concello de Vigo a Accem, a ONG que traballa na mellora da calidade de vida dos refuxiados, migrantes e colectivos vulnerables. Así, en total son trinta e tres os homes e mulleres recibidos na cidade e apoiados pola entidade e o consistorio vigués.
“Permanecemos atentos a todos os que vaian chegando para darlles aloxamento tan pronto cheguen, que non se atopen na soidade absoluta”, manifestou o alcalde, quen asegurou que tamén se lles proporciona a información e o respaldo preciso para que poidan tramitar e conseguir o status de refuxiado. “En Vigo estamos preparados, temos a nosa propia rede de emerxencia, e estamos preparados para darlles acomodo”, subliñou.
Abel Caballero recordou que as cidades, o Goberno de España e a Unión Europea traballan de forma coordinada para encargarse das e dos refuxiados de Ucraína. Así, na súa intervención esta fin de semana na Conferencia de Presidentes -á que acudiu como presidente da FEMP e participaron os titulares dos gobernos autonómicos e do Goberno de España-, expuxo que as urbes teñen preparadas as redes de acompañamento.
Na recepción en España, a poboación ucraína primeiro se dirixirá aos centros de acollida de Barcelona, Madrid e Alacante, e desde aí será derivada ás cidades. Segundo avanzou Caballero, o Goberno de España estuda a apertura dun carto espazo de acollida.