O Concello triplica o apoio económico ás festas patronais e populares da cidade
O alcalde explicou este venres en rolda de prensa que a partida acada os 390.000 euros dado o “arraigamento popular” destas celebracións en Vigo, onde teñen lugar preto de corenta festas anuais deste tipo.
Abel Caballero anunciou a decisión do incremento orzamentario desta partida nun encontro de traballo que mantivo nas últimas horas con representantes dalgunhas das comisións de festas da cidade e avanzou que convocará ás de tódalas parroquias a vindeira semana para comunicarlles esta proposta.
“Pasamos de 130.000 a 390.000 euros anuais. Decidimos triplicar a partida orzamentaria” destinada a subvencións de festas patronais e populares e ás actividades festivas organizadas polas parroquias e entidades socioculturais da cidade, apuntou o rexedor.
O incremento do apoio municipal a estas celebracións, débese, segundo explicou, a que “a cultura das festas ten moito arraigamento popular” en Vigo onde se celebran unhas corenta festas anuais destas características. “Multiplicamos por tres o apoio á organización das festas que manteñen a tradición”.
Axudas de emerxencia
O alcalde deu conta tamén da concesión de 79 novas axudas de emerxencia por valor de 12.000 euros, dos que 6.500 euros foron destinados ao pagamento de 18 alugueiros.