Escoitar

O Concello inicia a humanización da Plaza Elíptica cun investimento de 2,3 millóns de euros

O alcalde participou este martes no acto simbólico de colocación da primeira pedra da obra que converterá a praza nun espazo “con decidida vocación de cultura ao aire libre”. Amais, o goberno municipal supera os 4 millóns de euros de investimento en humanizacións no rural.

martes, 15 feb 2022
O alcalde xunto aos edís Javier Pardo, Patrícia Rodríguez e Nuria Rodríguez
O alcalde xunto aos edís Javier Pardo, Patrícia Rodríguez e Nuria Rodríguez

“Unha grande humanización” adiantou o alcalde sobre os traballos que comezan a executarse na Plaza Francisco Fernández del Riego cun orzamento de 2.320.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.

“Imos converter a Praza Elíptica nun nexo de unión entre o Castro, Gran Vía, Praza de España e a rúa Venezuela coa zona media de Vigo”, apuntou, que amais servirá para configurar un espazo “con decidida vocación de accións culturais, no que facer concertos, representacións...nace con vocación e cultura ao aire libre”. Así, avanzou a actuación da Orquestra Vigo 430 na inauguración da obra tras a humanización.

Tal e como explicou Caballero, a humanización supoñerá a instalación de dúas pérgolas que acollerán áreas de descanso con zonas verdes, ampliará a superficie peonil máis dun 30%, as pérgolas terán paneis solares para dotar de enerxía as instalacións proxectadas e a iluminación. Tamén se dotará de novo mobiliario urbano e renovarase o pavimento, as redes de saneamento e abastecemento de auga, luz, electricidade, comunicacións e gas.

4 millóns de euros para humanizacións no rural

O rexedor puxo en valor o traballo que, ao mesmo tempo, desenvolve o goberno municipal no rural cun investimento que acada os 4 millóns de euros, sen ter en conta a estrada do Porto en Beade que suma 2,5 millóns de orzamento. Así, detallou que as humanizacións xa rematadas das rúas Sarabio, Camiño Noiana, Penís de Abaixo, Aguadiña, Areeiro, Vista do Mar, Coutadas, Abade Juan de Bastos, Subida a Relfas, Fragosiño, Eifonso, Costa da Gándara, Pouleira, Foxo, Camiño Quinta, Camiño Pinal, Camiño Simona, Viña Grande, Camiño da Pomba e Cidáns supuxeron 1,3 millóns de euros.

Amais, foron humanizadas por 1.567.000 euros as rúas Areeiro en Lavadores, Foxos en Teis, Rosal Florido (Lavadores), Subida Relfas (Sárdoma), Subride (Lavadores), Camiño da Pomba e Estrada Freixo en Valadares, José Rivas en Coruxo, Estrada da Balsa en Matamá e Camiño da Brea en Beade.

Nestes momentos, o Concello está traballando, por importe de 682.000 euros, en Severino Covas e Curros (Lavadores), e na Praza da Feira (Cabral) e vai dar comezo ás humanizacións de Torneiro en Valadares e da Gándara en Beade.

O alcalde xunto aos edís Javier Pardo, Patrícia Rodríguez e Nuria Rodríguez
Descargar todas as imaxes