Escoitar

Manel Fernández destaca o valor da Calvario 5+5 para o eixo O Calvario-Lavadores

A tempada atlética xa está en marcha. Despois da Subida ao Castro é o momento da primeira das carreiras en ruta do circuíto Run Run Vigo, que presentou hoxe o concelleiro de Deportes, Manel Fernández.

venres, 4 feb 2022

E volve a Calvario 5+5, o domingo 13 de febreiro (10:00 horas os cativos e cativas; 11:15 horas o 5K e 10K sénior), puntuable en dúas distancias (10.000 e 5.000) para o campionato vigués de carreiras populares que patrocina o Concello. “É a segunda proba do calendario atlético vigués e a segunda do circuíto municipal Run Run Vigo. Será na contorna do Calvario, constará de tres probas, unha de carácter infantil, para os máis cativos, e unha segunda e unha terceira que sairán xuntas, de 5 e 10 quilómetros”, explicou o concelleiro de Deportes, acompañado polo presidente da A.VV. do Calvario, Raúl Fontán, e Roberto Rey, responsable da organización da carreira, ademais do padriño da mesma, Antonio Serrat, e das atletas do equipo Castrelos 20:30 Macarena Ferreira e Eva Endress.

A proba sénior sairá “da contorna de Jenaro de la Fuente porque polo seu volume necesita un espazo máis amplo para poder desenvolverse”, manifestou o responsable político do deporte vigués. De 2018 a 2020, a carreira saiu dinate do mercado do calvario, pero desta volta será diante do edificio Bandeira. As competicións de cativos, correranse na peonil do Calvario, co mercado como saída e meta.

Manel Fernández sinalou que esta “é unha gran proba atlética nun centro poboacional e populoso como é a zona do Calvario-Lavadores”, e aplaudiu que o vigués Serrat, “un triatleta de Series Mundiais, de amplo recoñecemento nacional e internacional”, sexa o padriño.

Dende a organización, Fontán agradeceu “as facilidades e axuda que temos do Concello” e lembrou que o evento é “unha proba de éxito que está a funcionar”. De feito, Roberto Rey non dubidou en declarar que a Calvario 5+5 “é un gran éxito tanto para o Calvario como para a súa asociación”.

Con preto de 600 inscritos xa (o peche do prazo está sinalado para o vindeiro día 10), a organización espera chegar aos 1.200 inscritos entre a categoría sénior e os grupos de idade de base, a cifra de febreiro de 2020. E Rey incidiu, como as atletas asistentes á presentación, que é “unha proba para todo o mundo”.

Descargar todas as imaxes