Escoitar

Concello e Vigo 430 abren este sábado o Ciclo de Outono cun “espectacular” concerto gratuíto de percusión

O concelleiro de Cultura, Abel Losada, e o director artístico da formación, Javier Escobar, presentaron este luns unha programación de catro concertos chamada a consolidar a recuperación da orquestra trala pandemia. A primeira cita é este sábado 18 ás 20 horas no auditorio do Concello, unha actuación integramente de percusión na que a Ensemble Vigo 430 compartirá escenario cun solista “excepcional”: Conrado Moya.

luns, 13 set 2021
Abel Losada e Javier Escobar, este luns antes de presentar o Ciclo de Outono.
Abel Losada e Javier Escobar, este luns antes de presentar o Ciclo de Outono.

Na rolda de prensa, Abel Losada subliñou o “apoio” que vén prestando “desde hai anos” o Concello de Vigo á Orquestra Vigo430, unha formación “referencial” no ámbito da música clásica que se configura como “elemento central” na política municipal de promoción de actividades culturais. Segundo afirmou o concelleiro, ademais do respaldo económico á formación, esta ten á súa disposición ás instalacións municipais para os seus eventos

E precisamente no auditorio municipal do Concello, este sábado ás 20 horas, dará comezo o Ciclo de Outono cunha proposta “integramente de percusión que promete ser espectacular”, afirmou Escobar. Co título “A percusión arredor do mundo”, a Ensemble Vigo 430 actuará xunto a Conrado Moya, un “solista excepcional”, e será con acceso gratuíto ata completar aforo. As invitacións teñen que ser solicitadas a través do correo electrónico reservas@vigo430.com

O programa continúa o 24 de outubro no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Alí, a Orquestra Sinfónica Vigo interpretará “As 4 estacións según Piazzolla” en homenaxe ao centenario do nacemento do autor, un programa “con sabor a tango arxentino”, en verbas do director artístico.

A terceira cita será na mesma sede do Castro, o 13 de novembro, da man dunha “extraordinaria solista de viola”, Sindy Mohamed, e a Ensemble Vigo 430. Os “Contos de fadas” que interpretarán serán “do máis variado e ameno de escoitar”. O Ciclo de Outono conclúe o 15 de decembro no Auditorio municipal do Concello cunha “proposta moi orixinal”. A Sinfónica Vigo 430 tocará con dúas guitarras flamencas, unha delas a do propio Cuchus Pimentel, creador da obra, que compaxinará con bandas sonoras, por exemplo, de John Williams. O concerto de peche está adicado a Ana Novoa, “que contribuíu ao afianzamento” da formación ao longo da súa década á fronte da xerencia da Vigo 430, subliñou Escobar.

O director técnico da Vigo 430 concluíu a presentación invitando á cidadanía a presenciar os concertos. Para acceder a calquera dos tres últimos será preciso adquirir a entrada e ao respecto se publicará información na web da formación. Ademais, en virtude dun convenio coa plataforma dixital Tolemias, as catro actuacións do ciclo poderán ser seguidas por streaming, tanto en directo como posteriormente en diferido.

Descargar todas as imaxes