Vigo multiplicará a capacidade de potabilización de auga coa nova planta do Casal, que custará 22,8 millóns
O goberno de Vigo aprobou este venres o proxecto de ampliación e modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable situada na rúa Cantabria, que elevará de 900 a 2.200 litros por segundo o seu volume de tratamento. O gasto correrá a cargo da concesionaria, co que non afectará ao recibo dos vigueses, segundo destacou o alcalde.
“Non sube o recibo nin un céntimo”, valorou Caballero este venres, día no que a Xunta de Goberno Local aprobou un proxecto de 22,8 millóns -abonados por Aqualia como concesionaria municipal do servizo da auga de Vigo, dentro do seu plan de investimentos- que estará concluído e a pleno rendemento no verán de 2023.
A ETAP do Casal, emprazada na rúa Cantabria, foi erixida nos anos 70 e precisa dunha transformación integral para afrontar a demanda de auga potable prevista no futuro, para adaptala ao novo marco normativo vixente medio século despois da construción da actual e para mellorar a calidade e a eficiencia na xestión da agua a través das novas tecnoloxías. Caballero, quen asegurou que a auga de Vigo está entre as tres mellores de España en termos de calidade, afirmou que o obxectivo da actuación pasa por consolidar esta posición e incrementar “aínda máis” a calidade a medio prazo.
A modernización e a ampliación da Estación fará posible que Vigo multiplique por 2,5 a súa capacidade, pasando dos 900 litros por segundo actuais a 1.500 nunha primeira fase da obra e aos 2.200 litros por segundo finais ao remate da mesma. O proxecto contempla para o Casal un novo sistema de potabilización baseado na ultrafiltración. Ademais de ser eficaz, esta tecnoloxía demostrou reducir considerablemente os requirimentos de espazo en planta, explicou Caballero.
No detalle, a mesma parcela actual pasará a acoller novas liñas de tratamento de augas e de fangos, un novo edificio de dúas alturas e planta circular para os sistemas de filtración (as coñecidas como piscinas estarán ademais cubertas, á diferencia do modelo presente) e un novo inmoble de tres alturas para os reactivos. O lugar que hoxe ocupa o laboratorio será redeseñado como taller, sala de control e arquivo, ademais de conservar o espazo para as analíticas.
Abel Caballero ligou a aprobación deste proxecto da ETAP co estudo técnico elaborado para o abastecemento da área de Vigo a medio prazo. Entre ambas cuestións, “xa temos o deseño do tratamento da auga de todo o século XXI”, salientou. “Eu asumira o compromiso de que, sendo alcalde, ía resolver o problema da auga de Vigo para todo o século XXI e vou deixar resolto o problema da auga para todo o século XXI”, engadiu.
Xunta de Galicia
En declaracións aos medios, Abel Caballero censurou que a Xunta de Galicia tardase “quince meses” en conceder o visto bo ao proxecto para a planta do Casal. A primeira solicitude saíu do Concello o 31 de marzo de 2020 e a preceptiva autorización de Sanidade entrou o 2 de xullo de 2021. “A lei di que teñen que emitir o informe en tres meses; emitírono quince meses despois. Eu podo entender un atraso pola pandemia e que en lugar de tres meses tardaran seis, vale, pero é que tardaron quince. Atrasárono a mala fe”, asegurou o alcalde.
Por outro lado, o alcalde recordou o carácter supramunicipal da instalación e “a obriga e a competencia” na materia que ostenta a Xunta de Galicia, pese ao cal non adica “nin un céntimo” á modernización do Casal. Esta ETAP deriva máis do 15% da auga que trata a 90.000 habitantes doutros municipios: o 9,5% a Cangas, o 2,8% a Moaña, o 2,7% a Redondela e o 0,5% a Mos. “Estamos encantados de facelo”, indicou Caballero, “pero se o presidente da Xunta non está para a auga potable dos municipios e das cidades, para que está?”.