O luns abre o prazo para as inscricións ao primeiro roteiro do programa “Vigo, camiño a camiño 2021”
As inscricións poderán facerse no 010
O 19 de setembro comeza o programa “Vigo, camiño a camiño 2021” cunha ruta por VigoZoo e o Parque Forestal de Bembrive. As inscricións para este primeiro roteiro poderanse facer a partir de luns no 010.
En total serán oito andainas desde o 19 de setembro ata o 7 de novembro, ambos incluídos, cos que o Concello ofrece catro percorridos pola senda panorámica de Vigo e outros catro polas serras do entorno.
As inscricións para cada ruta comezarán a semana previa no 010, con prioridade para os veciños e veciñas de Vigo e cun máximo de 3 persoas anotadas por solicitude.
O 26 de setembro é a segunda data marcada no calendario, onde os camiñantes chegarán ata o parque forestal de Bembrive. O 3 de outubro continúa o camiño desde Bembrive ata Monte dos Pozos, desde onde sairá a cuarta e última ruta deste bloque, o 10 de outubro, con finalización en Saiáns.
O programa de outono continuará o 17 de outubro cunha excursión pola Serra do Suído. Unha semana despois será a quenda da Serra da Groba, mentres que o 31 de outubro os inscritos poderán coñecer a Serra do Galleiro. A última proposta de outono, a Serra do Galiñeiro, terá lugar o domingo 7 de novembro.
Para os desprazamentos haberá un bus urbano de balde nas rutas de Vigo e outro discrecional para as do entorno (neste caso abonarase 3 euros por adulto e 1,5 euros para nenas e nenos)
Cada día oferta un centenar de vacantes, que logo serán divididas en grupos para cumprir coa normativa de prevención contra o coronavirus.