Os cidadáns de Vigo poden xogar no xadrez máis grande do mundo no CC Travesía
Abel Caballero e o famoso xadrecista Rey Enigma foron esta mañá os encargados de inaugurar o taboleiro máis grande do mundo, con 32 pezas de grande tamaño que alcanzan ata dous metros de altura. Desde hoxe e ata o próximo 25 de setembro, o espazo de xogo estará aberto ao público na praza exterior que da acceso ao recinto comercial.

O Centro Comercial Travesía acolleu esta mañá a inauguración do xadrez máis grande do mundo, unha iniciativa que se enmarca dentro do programa de actividades da primeira edición de Travesía de Vigo Master Chess. Desde hoxe ata o 25 de setembro, o espazo de xogo estará aberto ao público na explanada exterior de acceso ao centro comercial. O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do prestixioso xadrecista, Rey Enigma e de Angélica Falagán, xerente do centro comercial.
O taboleiro de xadrez mais grande do mundo, que se atopa pendente de certificación de Récord Guinness, está composto por 32 pezas de grande envergadura; cun diámetro que oscila entre os 60 e os 90 centímetros e con alturas que chegan, no caso do Rei, case aos dous metros. Este xadrez será o escenario da partida na que se baterán o alcalde de Vigo e Anatoly Karpov.


