Escoitar

O Concello programa actividades infantís e concertos de balde na Alameda

O alcalde informou este venres das propostas, que arrancarán este mércores 15 ás 20 horas co ilusionista Pedro Volta e se celebrarán cada día ata o seguinte luns, 20 de setembro, que concluirán cun concerto de percusión. En total serán case que unha ducia de alternativas gratuítas, con aforo reducido e protocolo Covid.

venres, 10 set 2021
Abel Caballero, este venres.
Abel Caballero, este venres.

O goberno que preside Abel Caballero continúa con programación cultural no marco do Vigo en Festas deste ano. O alcalde anunciou este venres novas actividades na Praza de Compostela para a próxima semana, entre o 15 e o 20 de setembro, ambos incluídos. Como vén sendo habitual, serán de acceso gratuíto ata completar o aforo e seguindo un protocolo adaptado á normativa contra o coronavirus.

O ciclo inclúe os concertos do Festival de Música Clásica e Jazz, mais incorpora outras alternativas para o público familiar e infantil, por exemplo o ilusionismo de Pedro Volta, encargado de abrir as actuacións este mércores, 15 de setembro, ás 20 horas. Tomarán o relevo o Vigo Ensemble (o xoves 16 ás 20:30 horas) e a Orquestra Vigo 430 (o venres 17, desde as 21 horas).

A Alameda acollerá dous eventos o sábado, 18 de setembro: en horario de mañá, ás 12 horas, “A saco circo” para os máis pequenos e, ás 21 horas, a música de Abe Rábade Trío. O domingo 19 será a xornada forte con cinco opcións para o público: un obradoiro de percusión ás 11 horas, seguido do concerto de percusión Odaiko ás 12:30 horas, unha segunda sesión do obradoiro de percusión ás 17 horas, concerto infantil de Abmiram Quarter ás 18 horas e, ás 20 horas, concerto de percusión Pelepau. A última das actuacións programadas polo Concello queda reservada para o luns, 20 de setembro, desde as 20 horas: o concerto de percusión Toompak.

Descargar todas as imaxes