Caballero cifra en 34,5 millóns o que Vigo recibe do Estado tras o pleno da CNAL
“Importantísimo, isto non sucedera nunca”, manifestou este xoves o alcalde, quen valorou positivamente o “municipalismo” do Goberno de España, que vai devolver “o IVE que quitou Montoro no 2017”, exime do pago da liquidación negativa do 2020, liquida a positiva de 2019 e eleva a asignación de 2022. Para Vigo, 34,5 millóns de euros.
“O mellor pleno da Comisión Nacional de Administración Local que houbo nunca na historia”, asegurou Caballero, quen engadiu que “nunha houbo tanta atención e tantos recursos para os concellos” coma na sesión plenaria celebrada na tarde deste mércores.
O presidente da FEMP e alcalde de Vigo explicou que o Goberno de España, ademais do xa anunciado, asignou outros 6.066 millóns de euros aos entes locais. 495 millóns corresponden ao “IVE que quitou Montoro (o entón ministro de Facenda) no 2017”, libera do pago de 3.500 millóns de euros correspondentes á liquidación negativa do pasado ano, abona 471 millóns pola liquidación positiva do 2019 e, de cara ao ano que ven, destina 1.600 millóns de euros máis.
O alcalde estimou as cifras que lle corresponden a Vigo do montante total. Do IVE de 2017, Vigo recibirá 2,2 millóns, e outros 2,3 millóns da liquidación positiva de 2019. A cidade tamén aforra o pago de 20 millóns de euros do peche negativo de 2020 e obtén 10 millóns máis o ano próximo.
Abel Caballero trasladou ao Goberno de España o seu “recoñecemento e agradecemento” porque “isto non ten precedentes”. Para o alcalde, é unha “nova forma de relación entre o Goberno de España e os concellos, o municipalismo que a min me gusta”. Recordou o alcalde que restan por recibir os fondos europeos no marco do Next Generation EU, do que os entes locais españois percibirán máis de 8.000 millóns de euros.
“Ducias e ducias de millóns de euros” que Vigo vai recibir do Goberno de España, en verbas de Caballero, que contrasta coa acción autonómica: “Saben canto recibiu Vigo da Xunta de Galicia? Cero euros”.
Conferencia de presidentes
O presidente da FEMP e alcalde de Vigo viaxa este xoves a Salamanca, onde o venres ten lugar a conferencia de presidentes, cita que reúne ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, ás e aos titulares dos gobernos autonómicos e ao propio Abel Caballero, en representación dos municipios e provincias españolas. “Trasladarei alí”, anunciou, “o que opino sobre a atención e os recursos que o Goberno de España está adicando aos concellos e a Vigo e o que a Xunta, e algunhas outras comunidades autónomas, non está adicando”.