Escoitar

O pleno rende homenaxe a Laxeiro cunha declaración institucional

"Considérase a obra como parte da cidade, como expresión natural da súa xente que sabe conciliar tradición e compromiso cosa modernidade como así o fixo o Mestre Laxeiro."

mércores, 28 xul 2021

Cando Laxeiro se establece en Vigo en 1942, o artista viña buscando un lugar onde poder vivir da súa arte con certa tranquilidade, nuns anos especialmente duros da Posguerra. A cidade de Vigo acolleuno e aquí retomaría a súa carreira profesional con exposicións na cidade e tamén na Coruña, Compostela, Madrid e Bilbao. Como el mesmo dixo, regala murais ás paredes das tabernas viguesas e atópase con Lugrís, outro ilustre forasteiro asentado en Vigo, con quen cultivaría unha fonda amizade. Frecuenta os faladoiros do café Derby e da taberna Alameda, con Valentín Paz Andrade, os irmáns Álvarez Blázquez, Carlos Maside, Prego de Oliver, Fernández del Riego, Carme Kruckenberg, etc. integrándose no ambiente intelectual vigués, onde pinta obras eternas como Trasmundo, 1946 que cambiarían para sempre a nosa arte.

En 1951 viaxa a Bos Aires, onde quedará a vivir. Realizará varias visitas a Vigo e, no seu retorno definitivo en 1971, fixará unha das súas residencias na nosa cidade, que conservará ata o seu falecemento. Dende entón será frecuente velo polas nosas rúas e cafés, como o Goya e tabernas como O Eligio, A Viuda ou O Capitán. traba amizade con artistas máis novos que verán nel un espello no que mirarse, como así o testemuña a homenaxe que o Colectivo Atlántica lle fixo en Vigo, en 1981.

En 1974 dedícaselle unha sala monográfica no Museo Quiñones de León, en 1981 créase o Legado Laxeiro, formado por obras doadas á cidade polo artista e que, en 1983 comporán o Museo Laxeiro. en 1990 o concello concédelle a Medalla de Ouro da cidade e o título de Vigués Distinguido, galardóns que levaría con orgullo. En 1992 realiza as vidreiras para a Universidade e, en 1995 inaugúrase a súa Colección na Casa das Artes, onde actualmente se atopa a Fundación Laxeiro e onde se instalou a capela ardente no seu falecemento.

En todos estes anos artista paseou o seu talento por medio mundo e sempre tivo palabras de agradecemento para Vigo, que consideraba o seu fogar, un lugar ideal entre o entorno rural do seu Lalín natal e o entorno capitalino de Madrid.

Por todo isto, podemos considerar a Laxeiro e a súa obra como parte da nosa cidade, como expresión natural da súa xente que sabe conciliar tradición e compromiso coa modernidade como así o fixo o Mestre Laxeiro.