Escoitar

O Pleno esixe adoptar medidas urxentes en defensa do naval vigués

Dúas mocións foron debatidas e aprobadas este mércores na sesión plenaria, en ambos casos instando á Xunta de Galicia e ao Goberno de España á toma de decisións “urxentes” e “en defensa” do sector, para resolver a “grave crise” que atravesa.

mércores, 28 xul 2021

Os acordos foron propostos, por un lado, polo concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, e, en segundo lugar, por Marea de Vigo e ambos textos saíron adiante co mesmo resultado: cos votos a favor dos propoñentes e abstención dos grupos socialista e popular.

A moción do edil nacionalista, nun primeiro punto, require dos gobernos autonómico e estatal a adopción “con urxencia das medidas necesarias para garantir a continuidade da actividade do estaleiro Barreras e a reanudación da mesma no antigo Vulcano” e solicita tamén “despregar unha enérxica intervención pública para impulsar a conformación dun holding público-privado entre os distintos estaleiros e empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na ría de Vigo, para establecer sinerxias que permitan o desenvolvemento de proxectos, procesos e investimentos comúns”. Ao tempo, se demanda “a creación dunha mesa do naval para a ría de Vigo, coa participación do executivo central, da Xunta de Galiza, así como das organizacións sindicais e empresariais máis representativas para buscar solucións efectivas que blinden a continuidade do sector”.

O acordo adoptado conta con dous puntos máis, por un lado instando á Autoridade Portuaria de Vigo a que “os pregos para a nova concesión portuaria nos terreos do antigo Vulcano condicionen esta ao desenvolvemento dun proxecto industrial de construción e/ou reparación naval” e, en segundo lugar, “instando ao alcalde a convocar unha sesión extraordinaria e urxente do Consello Social da Cidade para abordar a situación (...) e definir de maneira conxunta e participativa, coas institucións, entidades e organizacións máis representativas, unha folla de ruta para despregar unha resposta en chave de cidade perante esta situación”.

A segunda moción debatida e aprobada este mércores foi a proposta por Marea de Vigo. O acordo tamén require da Xunta e do Estado “defender a continuidade do proxecto industrial do novo estaleiro nos terreos da antiga Vulcano, permitindo que os novos accionistas soliciten a continuidade da actividade e a posterior prórroga que foi por exemplo concedida ao estaleiro Armada que ocupa terreo portuario”.

Nun segundo punto, a Corporación decidiu demandar ao Goberno de España a “intervención pública inmediata de Barreras a través da SEPI, comprando activos e incorporando a compañía ás que realizan as súas actividades baixo o paraugas do ente público empresarial”. En terceiro lugar, o texto insta “á apertura urxente dunha investigación da fiscalía ante os indicios evidentes de descapitalización fraudulenta do patrimonio, dereitos de cobro e da carga de traballo e a reputación do asteleiro e o sector.

Os dous últimos acordos adoptados nesta moción instan, por un lado, á Xunta de Galicia “a garantir o pago de débedas contraídas polos estaleiros coa industria auxiliar antes de calquera eventual inxección de recursos públicos nos mesmos” e, por último, demanda ao goberno central “a primar o investimento de fondos europeos de recuperación e resilencia no sector naval, co compromiso de creación de emprego e a chegada de novos proxectos industriais e de futuro ao sector”.