Escoitar

O Grupo Socialista saca adiante a moción que insta a Sanidade a corrixir as decisións adoptadas que deterioran a saúde na Área de Vigo

Entre as medidas os socialistas falaron do peche de camas no verán, o caos na Atención Primaria e a falla de PCR para detectar a COVID-19 en Vigo e a súa contorna.

mércores, 28 xul 2021

O portavoz do Grupo Socialista, Carlos López Font, defendeu a moción na que se insta á Consellería de Sanidade “a corrixir de inmediato o conxunto das decisións adoptadas na Área Sanitaria de Vigo que producen un tremendo caos, ocasionando unha grave deterioración na saúde dos seus beneficiarios”.

O edil criticou o peche de 135 camas no verán, sumadas ás 120 pechadas anteriormente no Meixoeiro, que “son un golpe ás listas de espera”. Ademais, puxo de manifesto a situación da Atención Primaria, “un auténtico caos, denunciado polos profesionais e usuarios. Os pacientes, en moitas ocasións, manifestan que xa desisten de tentar asistir á consulta ante as dificultades para conseguir as citas”, dixo na exposición de motivos. A isto, engadiu a situación do novo Centro de Saúde de Bouzas, “con 10 anos de atraso e reducido á metade”.

Tamén López Font falou da pandemia, e criticou que a Área de Vigo está “totalmente descoidada” e “é onde menos PCR realízanse, coa importancia que ten este aspecto para a política de prevención” ademais de poñer de manifesto a situación de establecer como único punto de vacinación o IFEVI.

O concelleiro cualificou de nefasta a xestión do conselleiro na cidade de Vigo, tamén no relativo ao Hospital Álvaro Cunqueiro e o parking de pago e as frontes xudiciais abertas.

Navia

A edil de urbanismo defendeu instar á Xunta de Galicia a incorporar o proxecto de urbanización da ampliación de Navia as cuestións e melloras prantexadas polos servizos municipais para poder proceder ao inicio da súa tramitación administrativa.

Tamén se aprobou cos votos a favor do PSdeG, Marea de Vigo e BNG instar ao Goberno Autonómico a rematar o proxecto de expropiación e proceder a expropiación dos terreos afectados que aínda non sexan do IGVUS.

Caride tamén urxiu á Xunta a asinar o convenio de colaboración co Concello para a construción e posta en servizo do IES de Navia. Ademais, pediu cumprir as obrigas constitucionais e estatutarias en materia de vivenda e asumir a promoción polo IGVS de ámbitos de vivenda protexida dos incorporados á revisión do PXOM co obxectivo de dar resposta a demanda actual de 5.500 familias.