Escoitar

Concello e Deputación invisten 397.000 euros na cuberta do patio do Ceip Balaídos

O alcalde e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitaron este martes o comezo das obras, que se enmarcan no convenio asinado entre o o consistorio olívico e o ente provincial e que inclúe tamén a cuberta do patio do Ceip Pintor Laxeiro.

martes, 6 xul 2021
Momento da colocación simbólica da primeira pedra da obra
Momento da colocación simbólica da primeira pedra da obra

Abel Caballero explicou que o goberno municipal cubrirá unha pista deportiva grande, a de maior tamaño do centro, para que o alumnado poida “facer recreo ao aire libre sen mollarse” e contar cun espazo para a práctica deportiva tamén cuberto. Agradeceu, o rexedor, a cooperación da Deputación de Pontevedra pero lamentou que esta é unha “competencia exclusiva da Xunta de Galicia, que nin está nin se lle espera”.

Carmela Silva amosouse moi satisfeita porque se trata da “cubrición máis grande que se vai facer en Vigo” e apuntou que “as nenas e nenos teñen que ter todos os equipamentos da máxima calidade e espazos dignos”.

O alcalde explicou que, dentro do convenio coa Deputación de Pontevedra, vai cubrirse tamén o patio do Ceip Pintor Laxeiro para que o alumnado dispoña dun espazo cuberto para o recreo. A obra ten un presuposto de licitación de 185.000 euros.

O goberno municipal xa cubriu os patios dos centros García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal; ten en proceso de redacción as obras de cubrición dos patrios do Villalaura e do Frián Teis e, no orzamento de 2021, hai outros 300.000 euros consignados para ese fin. “É un drama porque é o abandono da Xunta de todo aquilo que ten que ver coa educación na cidade, miles e miles de nenos aos que a Xunta non atende”, censurou Caballero.

 

Momento da colocación simbólica da primeira pedra da obra
Descargar todas as imaxes