O alcalde visita o campamento municipal da Etea
Oitenta nenas e nenos gozarán este verán das catro edicións do “Verán Náutico” na Etea que abrangue actividades acuáticas e terrestres ao longo dos meses de xullo e agosto. O Concello oferta 15.500 prazas de actividades infantís no período estival.
Caballero compartiu unha parte da xornada coa cativada participante na primeira sesión do campamento municipal que se desenvolve ata o venres. En total, oitenta nenas e nenos, divididos en dous grupos, asistirán á actividade que inclúe na auga a práctica de kaiak, windsurf ou pádel surf e, en terra, xogos, saídas culturais e obradoiros.
Este é a primeira quenda do campamento, que terá tres convocatorias máis: do 12 ao 23 xullo, do 26 de xullo ao 6 de agosto e do 9 ao 20 de agosto. É unha das actividades programadas polo Concello para este verán no que oferta 15.500 prazas para nenas e nenos da cidade en diferentes ámbitos.
O rexedor censurou a desatención da Xunta de Galicia á Etea e esixiulle ao presidente Feijóo “diñeiro nos orzamentos e un plan para refacer a Etea porque é da Xunta e Galicia; é a súa obriga e a súa competencia e en 12 anos non fixo nada”.
Previsións hostelería
O alcalde referiuse este martes á previsión da hostalería da cidade que estima unha media de ocupación do 75,5% nos meses de xullo e agosto, sendo a previsión dalgúns hoteis para agosto do 90%, mentres no conxunto dos hoteis prevén o 80% de ocupación nese mes, polo que avanzan que poden estar ante un “bo verán”.
Para Caballero “estamos asistindo a unha importante recuperación da ocupación, polo tanto da afluencia turística” e referiuse ao “fenómeno Vigo, que está funcionando e estamos contentos porque iso é economía e cidade. O verán vai ser bo, preparémonos para o Nadal”, sinalou.