O goberno local prevé a aprobación inicial do PXOM a finais do mes de agosto
A finais do próximo mes de agosto aprobarase inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal para cumprir coas obrigas do Instrumento de Ordenación Provisional. O alcalde anunciou esta mañá que o período de exposición pública arrancará o 20 de setembro e prolongarase durante 3 meses, trinta días máis do que recolle a lexislación vixente.
O alcalde prevé que o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal se leve a un pleno extraordinario para aprobación inicial a finais do mes que vén. Será a partir do 20 de setembro cando se someta a exposición pública durante tres meses, trinta días máis do que marca a lexislación actual. Así o avanzou este luns en rolda de prensa o rexedor quen explicou que mañá martes comezará a “etapa de comunicación e exposición” do novo plan urbanismo da cidade. Concretamente, o equipo redactor trasladará “as liñas estratéxicas” aos grupos municipais dun documento que “aspira a solucionar as carencias e os déficits actuais da cidade”.
En todo caso, aclarou que o proxecto definitivo será o que se leve á sesión plenaria de agosto para que se “enriqueza coas achegas dos grupos da oposición”. A este respecto, apuntou que se prevé aprobar o borrador en agosto para cumprir cos prazos establecidos no marco da ordenación provisional. En todo caso, o período de exposición pública non comezará ata o 20 de setembro e prolongarase durante 3 meses (ata o 20 de decembro) para que “toda a cidade o coñeza ben”. “Somos un goberno absolutamente transparente, reivindicou o alcalde, e pensamos que iniciar a información pública rematado o período estival permitirá maior difusión do seu contido”.
O novo plan, en verbas de Caballero, que xa se remitiu ás administracións correspondentes para a obtención dos informes previos á aprobación inicial, permitirá “planificar o futuro da cidade” e sinalou algunhas actuacións propostas no borrador.
En canto ás comunicacións, proponse unha nova estrada entre o enlace da A55 (Vigo-Porriño) e a nova autovía a O Porriño en túnel, Clara Campoamor, Pereiró, conectando coa VG-20 no enlace da Balsa ou Avenida de Castrelos. Tamén a reordenación do enlace da AP-9 cunha nova entrada en Vigo, que segundo apuntou o rexedor están pendente de definir en colaboración co ministerio de Transportes. “A actual entrada é totalmente insuficiente. Está ao borde da saturación. Entre outras cousas a nova vía debe comunicarse co Porto de Vigo”. Ademais, tamén estará no borrador do PXOM a reordenación do enlace de Arquitecto Palacios coa Avenida de Madrid, Martínez Garrido e Gregorio Espino. O documento sinala novas comunicacións coa Avenida de Madrid, unha nova vía na Avenida de Samil e novas comunicacións entre Gran Vía e Sárdoma.
Por outra banda, Vigo contará con máis espazo para as empresas. O borrador do PXOM reflicte a ampliación dos polígonos de Balaídos e o Parque tecnolóxico. Tamén haberá un novo emprazamento comercial terciario na Avenida de Madrid.
Solo residencial e zonas verdes
Abel Caballero anunciou que haberá “un número moi importante de vivenda protexida tanto para mercar como alugar” e proxecta segundo o documento 50.000 novas vivendas en Vigo. Tamén sinalou como prioritario facer residencial o chan en ámbitos como a Praza de España, Guixar, Seara, Chouzo, Artística, Alfageme e que priorizarase o crecemento da cidade nas zonas de Samil-Alcabre, Arquitecto Palacios-Avenida de Madrid, San Xoan-Calvario-Lavadores e Clara Campoamor-Castrelos. “A cidade debe estar compactada”, dixo o rexedor.
Por outra banda, Caballero fixo público que haberá o dobre de zonas verdes na cidade con 8 novos grande parques verdes, que se engaden os 6 xa existentes, ademais de ampliar os de A Riouxa e A Guía. Deste xeito, o Lagares xogará un papel estratéxico en canto á calidade e sostibilidade con varios parques integrados. Ampliarase o parque liñal da Avenida Europa cara a Samil, farase unha mellora da franxa costeira coa idea de recuperar espazos para a cidadanía e tamén haberá senda ciclista de Teis a Samil cun novo plan de carrís adicionais para bicicletas.
En canto a novas infraestruturas, o rexedor anunciou novas dotacións en todas as parroquias, facendo fincapé no deporte, e a Biblioteca do Estado e a zona dotacional en rúa Lalín-Chouzo.
“En Vigo rematou o tempo dos “pelotazos” urbanísticos para sempre. Imos mudar o concepto cidade”, sentenciou.