Escoitar

Abel Caballero denuncia a débeda da Xunta de 8,8 millóns cos servizos sociais da cidade

O Concello reclama á Xunta os 8,8 millóns que lle debe á cidade en materia de política social á que o Concello adica 20,9 millóns neste 2021. Legalmente, o Goberno autonómico debería financiar o 66% deste orzamento pero a súa achega é de 4,9 millóns dos 13,7 millóns que lle corresponderían, o que supón que nin sequera asumen a terceira parte da súa obriga.

venres, 2 xul 2021

A Xunta de Goberno vén de aprobar o proxecto anual de servizos sociais comunitarios de 2021 que alcanza un orzamento de 20,8 millóns dos que o 66% debería ser financiado pola Xunta de Galicia, administración competente en materia social. Polo tanto, a achega da Xunta debería ser de 13,7 millóns pero o certo é que a súa contribución redúcese a 4,9 millóns, menos da terceira parte do que lle corresponde. Caballero denunciou publicamente que o Goberno autonómico escatimoulle ao Concello 8,8 millóns que se teñen que sumar á débeda da Comunidade Autónoma coa cidade.

O Goberno local tamén licitou a contratación dos servizos de xestión, organización e desenvolvemento dos desprazamentos escolares dentro do programa Vigo educa para colexios públicos e concertados. Cun importe de 175.000 euros por tres anos, están previstos un mínimo de 650 desprazamentos o que permitirá participar nesta actividade a 35.750 escolares aproximadamente de entre os 3 e os 18 anos.

Trátase dunha proposta didáctica, innovadora, aberta e adaptada ás distintas idades que pretende que o alumnado descubra Vigo e as posibilidades que a nosa cidade ofrece mediante visitas de carácter didáctico ou itinerarios formativos e lugares e centro de interese. Co obxectivo, engadiu Caballero, de que coñezan o pasado e a puxante actualidade da cidade.

Outro dos asuntos que se aprobou na Xunta de Goberno de onte foi unha axuda de cooperación con Perú a través dunha subvención de 10.000 euros para a Asociación Aulas Abertas Comedores Escolares. Trátase de contribuír a garantir a alimentación básica a familias en situación de pobreza co reparto de alimentos e medicamentos esenciais. O Concello contribúe así con este proxecto de solidariedade internacional promovido por ex alumnas do colexio Amor de Dios.

Fondos covid

Ademais, Caballero esixiu á Xunta os 23,3 millóns de euros que lle corresponden a Vigo polos fondos que recibiu o Goberno Autonómico do Estado para facer fronte á Covid-19. Lamentou que a día de hoxe Vigo non recibiu os cartos e que todos os municipios reclamaron o 15% dos fondos ás comunidades autónomas. En concreto, apuntou que á Xunta débelle cartos á cidade pola política social, pola falla de investimento e polos Fondos Covid-19. “¿Para que queremos á Xunta?”, preguntouse.

Descargar todas as imaxes