A ordenanza reguladora de terrazas estará aprobada este verán
No próximo Pleno darase luz verde á ordenanza das terrazas da cidade que inclúe, entre outros aspectos, a posibilidade de que ocupen zonas de aparcamento. Con esta regulación, en verbas do alcalde, o Concello deseña o “modelo máis favorable á hostalaría de toda España”.
A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá ao proxecto de ordenanza reguladora das terrazas no dominio público e en espazos privados de uso público. O texto será aprobado no próximo Pleno e, posteriormente, abrirase un período de exposición pública de 30 días para presentar suxestións ou reclamacións. No caso de que non se presentaran alegacións, o documento se entenderá aprobado definitivamente e publicarase no BOP. O prazo para rematar esta tramitación está previsto en algo máis dun mes.
A ordenanza regula as actividades asociadas a establecementos de hostalaría e restauración, así como as accesorias a locais ou dependencias con actividade de hostalaría ou restauración. As terrazas teñen que estar compostas de elementos móbeis e desmontables ou elementos fixos e móbeis facilmente desmontables e pechados no seus perímetros en todo ou parte.
Como elementos de mobiliario inclúense cadeiras, mesas, construcións lixeiras, tarimas, toldos, parasois, elementos separadores de xardinería, biombos, elementos auxiliares de apoio ou elementos industriais móbeis como estufas ou calefactores. Respecto das características deste mobiliario, ten que ser resistente, de fácil limpeza e de calidade. Estableceranse por zonas modelos uniformes armonizados entre si tanto nos materiais como no deseño. Haberá elementos separadores do mesmo ancho que a terraza para invidentes, naquelas terrazas pegadas ás fachadas.
O texto recolle que é preferible que as terrazas non estean pegadas ás fachadas e que teñen que estar separadas do borde as beirarrúas 40 centímetros e con elementos separadores. É preciso garantir o paso de peóns con medidas que dependerán o ancho da beirarrúa. As terrazas con peches facilmente desmontables estarán permitidas en rúas de máis de 4 metros de ancho. Tamén se recolle a posibilidade de instalar mobiliario en zonas de estacionamento de vehículos, excepto discapacitados e carga e descarga.