O novo PXOM reservará solo para a construción de 14.500 vivendas protexidas
Vigo contará con 14.500 vivendas de protección ao amparo do Plan Xeral que o Goberno local prevé aprobar inicialmente a finais de agosto. O borrador deste documento incorpora xa o 81% das suxestións realizadas por asociacións de veciños e particulares.
O alcalde avanzou esta mañá que o Plan Xeral que se está a tramitar reserva solo para máis de 14.500 vivendas suxeitas a algún réxime de protección o que permitirá cubrir “con folgura” toda a demanda xa sexa en compra ou en alugueiro “porque coa vivenda non se especula”. Así o subliñou o rexedor nunha rolda de prensa na que deu conta de que o equipo redactor presentou esta mañá as liñas xerais do novo Plan Xeral aos grupos municipais.
Reiterou que o documento, unha vez aprobado en Xunta de Goberno, será sometido ao ditame inicial do Pleno municipal a finais de agosto aínda que e exposición pública non comezará ata o 20 de setembro para evitar o período estival. Durante a tramitación, precisou, recibíronse 651 suxestións de asociacións de veciños e de particulares, das que o 81% foron xa incorporadas ao borrador.
Os obxectivos do novo Plan de Ordenación pasan por compactar a cidade, mellorar a calidade de vida das parroquias, incrementar os parques públicos e as zonas verdes, incrementar a dotación de espazos públicos, ademais de mellorar a accesibilidade e as comunicacións.