O Concello reforza o programa de apoio familiar con educadores na rúa
O goberno local vén de incorporar ao seu Programa socio educativo e de Apoio Familiar a figura dos educadores de rúa. Trátase dun servizo de profesionais que funciona de forma proactiva atendendo aos mozos e mozas nos lugares da cidade nos que adoitan reunirse para falarlles do perigo das drogas ou de condutas perigosas, entre outras cuestións.
O alcalde deu conta esta mañá da incorporación do servizo dos educadores de rúa para atender á mocidade de Vigo. Tal e como explicou, este novidosa prestación permite que os profesionais se acheguen aos lugares de reunión dos mozos e das mozas para falarlles de temas tan importantes como a prevención das drogodependencias o do perigo que entrañan segundo que condutas.
Estre servizo forma parte do Programa socio – educativo e de Apoio Familiar no que o Concello inviste 800.000 euros ao ano e que no pasado mes de maio permitiu atender a 520 usuarios de familias nunha difícil situación socioeconómica. Conta con traballadores e educadores sociais, psicólogos e técnicos de mediación e de inserción laboral que actúan maioritariamente no propio domicilio dos usuarios aínda que tamén se actúa nas UTES municipais.
Na meirande parte dos casos, as intervencións prodúcense nos domicilios con toda a unidade familiar, aínda que tamén hai atención individual con menores. Respecto dos servizos de acompañamento a outros recursos, destacan as citas a centros de saúde ou ás titorías en centros escolares.
Outra das prestacións desta iniciativa municipal son obradoiros de reforzo educativo nos que se tratan temas como a autoestima, o autocoñecemento, a resolución de conflitos, a sexualidade, a depresión ou o acoso escolar, entre outros.