O goberno municipal contrata humanizacións no rural por 337.000 euros
O alcalde deu conta este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local da contratación das obras de mellora do firme en varias vías do rural, por 184.000 euros, e das obras de humanización do Camiño da Pomba por 153.000 euros. Amais, o Concello aceptou a doazón da biblioteca persoal de Darío Álvarez Basso á Emao.
O goberno de Vigo deu luz verde á contratación das obras de mellora dos firmes de varias vías no rural por un total de 184.000 euros: Canabido e Camiño Esteriz en Oia, Camiño Longra e Tarrío de Abaixo en Coruxo e Camiño da Gándara en Saiáns. As obras execútanse no marco do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra que ascende a 1,3 millóns de euros para un total de 21 vías.
Amais, tal e como informou o rexedor, quedou adxudicada a contratación da humanización en Camiño da Pomba por un importe de 153.000 euros, cofinanciada pola Deputación de Pontevedra. Executarase unha beirarrúa de formigón para o tránsito peonil dun ancho medio de 1,50 metros, nunha lonxitude aproximada de 540 metros, dispoñerase canalización de pluviais baixo a beirarrúa así como iluminación exterior.
Doazón á biblioteca da Emao
Abel Caballero informou en rolda de prensa da doazón da biblioteca persoal do pintor Darío Álvarez Basso ao Concello de Vigo que se incorporará aos fondos da Biblioteca Pública da EMAO. Son uns 1.000 volumes que van desde a arte Prehistórica (europea, precolombina, africana e oceánica), á arte clásica, moderna e contemporánea; monografías de arquitectura e deseño, fotografía, gravado, historial da arte ou catálogos de exposicións colectivas entre outros. O alcalde agradece a doazón de Álvarez Basso que estima “de moito interese”.