Escoitar

Alcalde: “Todas as luces de alarma antirecheos están acendidas na cidade”

Caballero reiterou esta mañá a súa “oposición frontal á máis recheos porque queren matar a Ría”. Así o dixo logo de coñecer o Plan de Empresa do Porto de Vigo que prevé tres novos recheos, un en Bouzas e outros dous nos peiraos de Comercio e Reparacións. Tamén amosou o seu rexeitamento ao proxecto de conexión ferroviaria a Bouzas.

venres, 25 xuñ 2021

O alcalde reiterou esta mañá a rotunda oposición da cidade a ningún recheo máis na Ría. Esta foi a súa reacción ao Plan de Empresa do Porto de Vigo presentado esta mañá no Consello de Administración que recolle tres novas propostas de novos recheos dentro do seu plan de inversións a medio prazo. En Bouzas, explicou, hai tres propostas de ampliación “absolutamente inadmisible” de 60.000, 75.000 e 82.000 m2, respectivamente, mentres que no peirao de Comercio se prevé un crecemento sobre a ría de 56.000 m2 ao final da rúa Colón, é dicir, no centro da cidade. No documento tamén aparece unha proposta de ampliar o peirao de Reparacións, con dimensións sen especificar, de momento. A estes prantexamentos hai que sumar o recheo de 8.300 m2 que xa se está a realizar na explanada anexa á lonxa en Beiramar (fronte ao Auditorio Mar de Vigo) e ao que tamén se opuxo, a pesar de que poida contar coas correspondentes autorizacións medioambientais “porque non se pode facer un recheo para aparcar camións”. “Todas as luces de alarma antirecheos están acendidas na cidade” advertiu o rexedor.

Outro dos aspectos do Plan de Empresa que conta coa frontal oposición do Concello é a alternativa de conexiónn ferroviaria Bouzas-Sárdoma que que xa é unha proposta oficial. A idea é introducir o ferrocarril desde o Seminario ata Bouzas rompendo toda a cidade. A vía do tren iría desde a Salgueira, afectaría ao río Lagares, pasando por Sárdoma, Gran Vía, Praza de América, a avenida de Castelao -entrando nun falso túnel -, urbanizacións de Alcabre e, ao chegar á de Sotavento, está prevista unha nova ponte ao lado da que xa hai. Trátase, dixo, dun “absoluto disparate e eu non vou consentir que se rompa a cidade”. Na súa opinión, o presidente da Xunta é o que está detrás dunha proposta que tamén rexeita Citroën. O que propoñen é romper a cidade para facerlle competencia á factoría viguesa xa que esa conexión só vai servir para importar coches. Outro dos problemas desta proposta é que as praias de vías ocupan moito espazo.

En declaracións aos medios, Caballero reiterou a súa “oposición frontal á máis recheos porque queren matar a Ría”. Afeou aos responsables da Autoridade Portuaria que non propoñan racionalización dos espazos, pactando e apoiando ás empresas que poidan operar noutras zonas porque “non se pode ocupar máis mar”.

Finalmente, o rexedor criticou que o Plan de Empresa non inclúa infraestruturas como o túnel de Beiramar, que sería importante para darlle fluidez ao porto pesqueiro e moi positivo para o resto da cidade. Respecto doutros aspectos do documento, validou propostas como un novo silo en Bouzas ou investimentos na PLISAN.

 

 

 

Descargar todas as imaxes