A EMAO expón “PROXECTOS 2020” e “BAUHAUS/EMAO, 100 ANOS”
A partir do 25 de xuño poderase visitar a obra dos alumnos da Escola Municipal de Artes e Oficios. “É unha exposición ilustrativa. Eu recomendo visitala”, dixo o alcalde en rolda de prensa.
A Escola Municipal de Artes e Oficios expón “PROXECTOS 2020” e “BAUHAUS/EMAO, 100 ANOS” desde o 25 de xuño. Ambas recollen os traballos dos alumnos da EMAO.
“Proxectos 2020” divídese en dúas partes logo da alta participación por parte do alumnado. A primeira estará aberta ata o 10 de setembro (pecha en setembro) e a segunda desde o 12 de outubro ata o 12 de novembro. Poderase visitar no Espazo EMAO, a Sala de Exposicións.
A exposición recolle o traballo final das distintas especialidades: cerámica artística, ourivaría, talla e escultura en madeira, pintura, debuxo artístico, construción de instrumentos, artesanía en coiro, moda e confección e serigrafía artística.
Por outra banda, a EMAO tamén rende homenaxe aos 100 anos da Escola Bauhaus. Ata o 10 de setembro poderase visitar no vestíbulo da Escola os traballas que fixeron os alumnos seguindo a liña do movemento. Bauhaus é un fito da contemporaneidade artística e arquitectónica en Europa.
Abel Caballero lembro que agora mesmo “hai 10 exposicións simultáneas na cidade” e animou os cidadáns a visitala porque “é moi ilustrativa”.