Caballero fixo entrega da bandeira de Vigo a cinco deportistas de elite
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reuniuse hoxe con cinco deportistas de elite da cidade para felicitalos polos seus últimos éxitos nacionais ou europeos, no caso de Sara Viéitez ou no de Antonio Serrat, e pola súa selección ou preselección para os Xogos de Toquio, no que se refire a "Chano" Rodríguez, Susana Rodríguez Gacio e Agustín Alejos.
Acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, o rexedor celebrou o alto nivel deste grupo de deportistas, lembroulles que o deporte é agora "fundamental" no cotía da nosa sociedade, e que alcanzou un crecemento "extraordinario" e lles agasallou cunha medalla e a bandeira de Vigo para que a leven con orgullo nas próximas competicións ás que viaxen.
No acto, Caballero puxo a Chano de exemplo pola súa proeza de terse clasificado para os seus sextos Xogos. Ademais, esta reunión de deportistas de alto nivel co xefe do goberno municipal serviu tamén para que Alejos, que se incorpora o domingo á concentración da preselección española de baloncesto en cadeira de rodas en Serra Nevada, pedir referencias a "Chano" e a Susana, xa con billete para Toquio, sobre as instalacións granadinas, pois nelas xa estiveron concentrados en varias oportunidades nadador e triatleta.
Viéitez, primeira galega en acadar un título nacional MMA, busca agora fondos para acudir ao Europeo de MMA en Rusia, mentres que Serrat volverá en agosto ao circuíto mundial de triatlón, con dúas citas en Canadá.
Os cinco deportistas
Susana Rodríguez Gacio. Triatlón. Clasificada para os Xogos Paralímpicos. Acaba de lograr a medalla de prata no Campionato de Europa de atletismo, nos 1.500 metros, en Bydgoszcz (Polonia).
"Chano" Rodríguez. Natación. Clasificado para os Xogos Paralímpicos. Logrou a mínima fai uns días en Berlín nos 50 libres.
Agustín Alejos. Baloncesto. Na preselección española de baloncesto en cadeira de rodas para os Xogos.
Antonio Serrat. Triatlón. Subcampión de Europa na modalidade de distancia sprint en Kitzbühel (Austria) a fin de semana pasada.
Sara Viéitez. Loita e artes marciales combinadas. Campioa de España de Artes Marciales Combinadas (MMA) a fin de semana en Marbella. É a primeira galega que consegue un título nacional MMA.
Os Xogos Paralímpicos de Toquio celebraranse do 24 de agosto ao 5 de setembro.