Escoitar

O goberno de Vigo achega 606.000 euros a Foanpas para as bolsas de comedor

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a subvención nominativa mediante convenio de colaboración coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos para financiar as bolsas de comedor dos escolares que sumada á achega da área de Política Social supera os 2 millóns de euros.

xoves, 17 xuñ 2021

O Concello achega 606.000 euros para financiar as bolsas de comedor do alumnado dos centros públicos da cidade a través de Foanpas. Segundo explicou o alcalde, as bolsas que conceden as asociacións de nais e pais de alumnos “págaas ao cento por cento o Concello de Vigo”, polo que cualificou a decisión de “moi importante”.

Ademais, con esta subvención o goberno municipal financia o funcionamento e xestión da Federación e a prestación de diversos servizos ás familias como a organización de actividades extraescolares.

Salientou Caballero, que este convenio de colaboración con Foanpas súmase ás bolsas de axuda aos escolares que concede o goberno de Vigo desde a área de Política Social coa que se “superan os 2 millóns de euros en bolsas, que son unha obriga e competencia exclusiva da Xunta de Galicia”.

Amais, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de subvencións a 50 entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas e/ou actividades de promoción das mulleres no ano 2021 por un importe de case 100.000 euros.

Descargar todas as imaxes