Caballero agradece ao Goberno Central a súa achega á rehabilitación de 807 vivendas
Vigo conta con catro novas zonas declaradas Área de Rehabilitación Integral (ARI) , en Beiramar, Espiñeiro (Teis), San Pablo (Teis) e San Roque. O alcalde agradeceu ao Goberno Central que financie ata o 65% destas actuacións de mellora dunhas 807 vivendas agrupadas en 100 bloques de edificios.
O alcalde deu conta esta mañá da participación dos concellos na Axenda Urbana, é dicir, na rehabilitación de barrios, vivendas, espazos públicos, dentro das competencias municipais porque “queremos estar en todo como destinatarios de gran parte dos fondos de rehabilitación que achega o Goberno de España. Así foi acordado nun encontro que mantivo esta mañá de xeito telemático co secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, e co secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda.
Dentro destas achegas atópanse os fondos destinados á financiar ata o 65% das actuacións acometidas nas Áreas de Rehabilitación Integral ás que o Concello vén de sumar catro novas zonas: Beiramar, Espiñeiro-Teis, San Pablo e San Roque. A este respecto, Caballero lamentou que a Xunta negara esta condición a outras dúas propostas municipais: A Salgueira e as vivendas de Fenosa. En rolda de prensa, o rexedor agradeceu ao Goberno Central a súa implicación dado que as subvencións son asumidas practicamente na súa totalidade polo Goberno central. O prantexamento municipal inclúe 807 vivendas agrupadas en 100 bloques de edificios cunha superficie de 51.827 m² que se estenden en catro zonas. Todas as vivendas foron construídas entre 1940 e 1975 con inmobles que foron promovidos por empresas, administracións ou vivendas sociais. Trátase, engadiu, de edificios mal illados desde o punto de vista enerxético e con moitas deficiencias de accesibilidade.
Estas novas ARI súmanse ás xa existentes: Casco Vello, Bouzas, Santa Clara ou Coia (rúas Bueu e Moaña), que se incorporaron en 2019.