Caballero satisfeito trala xuntanza con Renfe: “Aceptaron a nosa proposta”
Vigo terá dous conexións directas con Madrid pola ruta tecnicamente máis rápida e, segundo a demanda, unha terceira con parada en Vilagarcía de Arousa.
O alcalde e o presidente de Renfe, Isaías Táboas Vázquez, acordaron a proposta sobre os servizos ferroviarios na cidade que propuxo o Concello de Vigo.
Abel Caballero amósase satisfeito despois de pactar que a cidade terá dous trens directos a Madrid utilizando o bypass de Conxo: “Calquera outra alternativa tarda entre 20 ou 30 minutos máis. Viaxamos de Vigo a Madrid no tempo tecnicamente máis breve posible”, apuntou.
O tempo do traxecto é de 5 horas e 10 minutos, desde a súa saída na estación de Urzáiz, pasando por Pontevedra, Ourense e Zamora, e logo chegaría ata Madrid. Ademais, o rexedor tamén pediu un terceiro tren, segundo a demanda, que fixera unha parada en Vilagarcía de Arousa, o que suporía uns “tres ou catro minutos máis de traxecto”.
Un deses trens xa comezou a operar este luns e, segundo manifestou o alcalde, o segundo farano dentro dun mes: “Haberá un pola mañá e outro pola tarde”.