O Concello inicia esta semana a limpeza de 960 fincas particulares
Son parcelas nas que os propietarios non cumpriron coa súa obriga de mantelas libres de maleza, polo que a cidade actúa de forma subsidiaria adicando 70.000 euros. O alcalde estimou que os traballos concluirán nun máximo de dous meses e censurou que a Xunta descargue na cidade unha cuestión de competencia autonómica.
O BOE do pasado 8 de xuño recolle o anuncio de notificación das resolucións de execución forzosa, último paso para que o Concello comece a limpar de forma subsidiaria aquelas fincas privadas sen rozar por parte dos seus propietarios. Previamente, a cidade constatara que estas tiñan maleza, advertiuse aos donos da súa obriga de rozar e, transcorrido o prazo para actuar, se verificou que continuaban sen facelo.
Son 960 terreos e 70.000 os euros que deberá adicar a cidade ao efecto, para minorar o risco de incendio e dando así cumprimento á normativa autonómica. O alcalde explicou que o goberno de Vigo procederá desde esta mesma semana coa limpeza das fincas, comezando por aquelas máis próximas a núcleos urbanos habitados. A previsión municipal é ter rematado o traballo “en mes e medio ou dous meses”, en verbas de Caballero.
“Quen tiña que facelo é a Xunta de Galicia”, lamentou Abel Caballero, quen asegurou que o goberno presidido por Núñez Feijóo aprobou unha lei que obriga ás urbes a facerse cargo cando os privados non se responsabilizan, pese a ser unha competencia autonómica: “É a Xunta de Galicia abusando unha vez máis desta cidade”, engadiu.
Total ou parcialmente, o solo afectado está incluído na rede secundaria de faixa de xestión da biomasa. Son case que un millar de propiedades e máis de medio millón de metros cadrados de superficie a limpar por parte da administración local viguesa, en distintas zonas: Alcabre (25 parcelas), Beade (67), Bembrive (248), Cabral (105), Candeán (35), Castrelos (12), Comesaña (49) , Coruxo (126), Freixeiro (1), Lavadores (87), Matamá (24), Navia (7), Oia (91), Saiáns (4), San Xoán (4), Sárdoma (25) e Valladares (50).