Escoitar

O Concello prorroga un ano o contrato de xestión do albergue municipal por 775.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a prórroga do contrato de servizos do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social, situado en Marqués de Valterra, o "único albergue dunha cidade galega" financiado por un goberno municipal, salientou o alcalde.

venres, 11 xuñ 2021

En rolda de prensa, Abel Caballero puxo en valor" o traballo excepcional" que está realizando o albergue municipal, que agora ve renovado o seu contrato por un período de un ano e un importe de 775.000 euros.

"Somos a única cidade galega que temos un albergue. En todo Madrid teñen un único albergue para 3,5 millóns de habitantes", que depende da comunidade autónoma, cando en Vigo é financiado polo Concello, destacou o alcalde. "Págao Vigo e aquí todo aquel que quere durmir baixo teito ten un albergue á súa disposición", dixo, engadindo que nestes momentos hai prazas vacantes nos albergues da cidade e, en etapas complexas como aconteceu durante a pandemia, o goberno de Vigo paga ás persoas sen teito a súa estadía en pensións e hoteis.

Axuda a ACNUR
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de subvención directa á Asociación España con ACNUR (Comité Español do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os refuxiados) para o proxecto "Asistencia sanitaria para a poboación refuxiada venezolana en Colombia en resposta ao Covid-19" por un importe: 10.000 euros.

O alcalde explicou que "a nosa cooperación internacional é tender a man aos irmáns venezolanos, que viven en circunstancias lamentables", concretando que con este proxecto se atenderá a 400 persoas refuxiadas e migrantes venezolanas, sobre todo mulleres.

18.278 euros para 102 axudas de emerxencia
A comisión municipal de axudas de emerxencia celebrada o pasado martes aprobou a concesión de 102 novas axudas por importe de 18.278 euros, das que 35 foron para afrontar pagamentos de alugueiro e aloxamento. O rexedor salientou que dúas de cada tres axudas das que concede o Concello son para este fin, "para evitar desafiuzamentos. Esta é a nosa política social".

Descargar todas as imaxes