Escoitar

O Concello reforzará a escultura de Castro, en Príncipe: “Será practicamente imposible de romper”

Hai un mes do acto vandálico que fracturou o brazo da estatua do histórico vendedor de xornais, suceso que o goberno de Vigo quere evitar que se repita reforzando a estrutura -cunha barra de aceiro desde o corpo ata o dedo- e con medidas adicionais. Abel Caballero lanzou este venres unha contundente mensaxe: “Que saiban os vándalos que imos ir a por eles”.

venres, 11 xuñ 2021
Imaxe da escultura de Manuel Castro co brazo partido
Imaxe da escultura de Manuel Castro co brazo partido

O Concello retira este venres a escultura de bronce do seu emprazamento na rúa do Príncipe, onde reside desde hai case dez anos, para acometer a súa reparación e reforzar a estrutura do brazo que suxeita o xornal, co obxectivo de mitigar posibles danos futuros. O tronco de Manuel Castro estará unido co dedo a través dunha barra de aceiro no interior do brazo que o fará “practicamente imposible de romper”, en verbas de Caballero en rolda de prensa.

O suceso tivo lugar hai un mes. Axentes da Policía Local de Vigo, de patrulla polo centro de madrugada, descubriron o dano á altura do antebrazo da obra e recuperaron a parte amputada. O Concello procura evitar outro eventual deterioro a causa do vandalismo, polo que decidiu robustecer a estrutura de bronce cunha actuación “moi consistente” e ademais “tomar algunha medida antivandalismo adicional”, avanzou Caballero.

O alcalde explicou que “a instalación de cámaras ten que ser con permiso e estar moi controlada, porque pode atentar contra a intimidade”, mais, sen desvelar como, si advertiu aos vándalos: “Que saiban que imos ir a por eles”.

Descargar todas as imaxes