Escoitar

O goberno de Vigo prevé finalizar en catro meses a humanización da Hispanidade

O Concello acomete a segunda fase da mellora da Avenida, desta volta no tramo comprendido entre as rúas Zamora e Pintor Colmeiro. Cun orzamento de 772.000 euros, Caballero afirmou que a obra concluirá en catro meses e posteriormente o goberno que dirixe prolongará a humanización ao resto de Hispanidade.

luns, 14 xuñ 2021
Javier Pardo (e.) e Abel Caballero, este luns
Javier Pardo (e.) e Abel Caballero, este luns

A reforma emprendida agora dará continuidade ao modelo aplicado na primeira fase -o treito entre a Gran Vía e a rúa Zamora-, con beirarrúas de granito máis amplas, dous carrís de circulación e un de estacionamento, novo mobiliario urbano e renovación das redes de servizo, entre outras melloras.

O alcalde, Abel Caballero, e o tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, participaron este luns no acto simbólico de colocación da primeira pedra desta nova etapa da humanización da Avenida, que presenta un importe de 772.000 euros. Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa posterior, o Concello actuará sobre case douscentos metros de rúa e instalará máis de dous quilómetros de canalizacións: 250 metros de pluviais, 240 metros de saneamento, 400 metros de abastecemento de agua e 1,2 quilómetros de alumeado público, ademais da nova rede de rego.

A obra municipal contempla o transplantado do arborado alí presente, cuxo tamaño provocaba problemas á veciñanza (“daban contra os edificios”, argumentou Caballero), e se plantarán doce exemplares novos. Ademais, a Hispanidade contará con pasos de peóns accesibles, seis bancos de metro e medio de largo e outros tres máis de tres metros cada un, papeleiras, zonas de estancia e xardineiras.

Linguas de Signos

Na mesma comparecencia pública, o alcalde trasladou que o Concello ilumina de turquesa as fontes de Aragón na noite deste luns ao martes, a petición da Asociación de Persoas Xordas de Vigo e pola conmemoración, o 14 de xuño, do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas.

Descargar todas as imaxes