Escoitar

A Casa das Artes acolle a Xeografía Atormentada do fotógrafo vigués Javier Teniente

O alcalde participou esta mañá na inauguración de Unha Xeografía Atormentada, unha exposición de fotografía documental que percorre 25 anos de profesión do vigués Javier Teniente. O público poderá gozar destas 180 fotografías ata o próximo 5 de setembro.

xoves, 17 xuñ 2021

A exposición de Javier Teniente Unha Xeografía Atormentada plantéxase como a gran mostra deste fotógrafo vigués que percorrerá en profundidade boa parte das series fotográficas que este autor realizou ao longo de máis de 25 anos de carreira fotográfica e que nunca se mostraron na súa totalidade. Esta mañá, durante a inauguración, o rexedor felicitou ao artista e animou a toda a cidadanía a gozar dunha mostra excepcional.

Unha Xeografía Atormentada, comisariada por Jorge Lens, abarca as diferentes temáticas realizadas en contornas de conflito interpretadas pola mirada particular des- te autor. Trátase dunha revisión reflexiva sobre o traballo que levou a cabo durante tantos anos como fotógrafo independente en guerras e desastres naturais.
O conxunto desta mostra é o resultado dun proceso de selección entre miles de fotografías levado a cabo en colaboración entre Javier Teniente e o comisario Jorge Lens. A exposición propón unha lectura da obra de Javier Teniente que traspasa o concepto de documento informativo para fixarse especialmente na faceta máis humanista e comprometida do fotógrafo.

A selección proposta, formada por 180 fotografías, non esconde algunhas imaxes explícitas pero pon o acento na esperanza do cambio e no futuro como escenario para a recons- trución das vidas humanas e da recuperación da natureza.

Javier Teniente, nado en Vigo en 1968, comezou a súa traxectoria fotográfica nun diario local, pero pronto se lanzou a percorrer o mundo para dar testemuño de toda unha serie de acontecementos extremos. As súas fotografías foron publicadas no País Semanal, Geo, Interviú, Magazine do xornal La Vanguardia, El Mundo e Tiempo, entre outras publicacións de alcance nacional e internacional.

Descargar todas as imaxes