O Concello celebra cun “macroconcerto virtual” o Día da Música
A alcalde avanzou que o vindeiro luns, 21 de xuño, desenvolverase este evento protagonizado polas nove bandas de música da cidade e que poderá seguirse a través da web municipal e da canle de Youtube da Federación de Bandas.
O goberno municipal destina 15.000 euros á celebración do Día Internacional da Música, este luns 21 de xuño, cun “macroconcerto virtual” en colaboración coa Federación de Bandas de Música Populares de Vigo, que acolle a nove bandas da cidade, e que dirixe Enrique Lorenzo.
Segundo explicou Caballero, as bandas teñen limitada a súa actividade nestes momentos por razóns Covid-19, dadas as restricións aos instrumentos de vento que teñen suspendida a actividade presencial. Para superar estas limitacións e poder celebrar un concerto conxunto, os músicos das nove bandas gravaron nas súas casas o son e o vídeo interpretando as pezas que logo serán mesturadas para conformar o repertorio do recital virtual.
O concerto poderá verse a través da web do concello https://hoxe.vigo.org/ e da canle de Youtube da Federación. Participan as 9 bandas da Federación: Agrupación Musical da SCD Atlántida De Matamá, Unión Musical De Valladares, Banda Escola De Música De Beade, Unión Musical De Coruxo, Lira De San Miguel De Oia, Unión Musical De Cabral,
UVCD De Candeán, Ateneo Musical De Bembrive e As Delicias Do Ccr De Cabral.