O Concello humaniza Julia Minguillón e Vista Alegre cun investimento superior ao millón de euros
O alcalde participou este mércores no acto simbólico de colocación da primeira pedra das obras de humanización das dúas rúas e apuntou o inicio dos traballos en Hispanidade. O goberno de Vigo ten 90 proxectos en marcha por valor de 100 millóns de euros.

Para Abel Caballero a humanización de Julia Minguillón e Vista Alegre é “moi importante” ao transformar a rúa nun espazo propio do “século XXI” e nun prazo de 6 meses conseguirá a renovación da pavimentación, abastecemento, saneamento separativo, unha nova rede de iluminación e de rega, nova xardinería e mobiliario urbano, novos puntos de luz e soterramento da rede eléctrica aérea existente.
As obras inclúen a retirada dun muro en Vista Alegre proxectando un camiño pola marxe esquerda con zona verde a ambos os dous lados co obxectivo de dar continuidade á rúa ata o parque María Xosé Queizán. Precisamente neste paseo, o Concello instalará un panel decorativo con reproducións de cadros da pintora lucense Julia Minguillón.
Amais, o vindeiro luns o goberno municipal colocará a primeira pedra da humanización dun novo tramo da Hispanidade, entre Zamora e Pintor Colmeiro, unha obra cun importe de 771.000 euros e un prazo de execución de 4 meses. As actuacións inclúen a renovación completa da rúa e a retirada do arborado actual, que provoca problemas á veciñanza, e a plantación de novas especies levando as retiradas ao parque das árbores de Navia.
Segundo expuxo o alcalde, nestes momentos o goberno de Vigo ten en marcha humanizacións en 38 rúas. Nos vindeiros días empezará obras en 21 máis e xa están iniciados os traballos de renovación da iluminación de Castrelos, a Vía Verde, a humanización de García Barbón e a grada de Marcador do estadio de Balaídos.
En total, o Concello ten activos 90 proxectos cun investimento de 100 millóns de euros, que supoñen “unha incorporación de case 500 millóns de euros á economía de Vigo, a xeración de centos e centos de postos de traballo e a xeración de demanda en cafeterías, restaurantes, supermercados, comercio...tiramos de todo”, recalcou Caballero.
Día Internacional dos Arquivos
Por outra banda, o Concello pon a disposición dos cidadáns os catálogos dos seus fondos documentais de carácter patrimonial co motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos. A través do portal Atopo, e en colaboración coa Deputación de Pontevedra, poderase consultar o arquivo municipal de xeito telemático que testemuña a historia e evolución da urbe e a súa contorna.



