Caballero: “A reordenación do Barrio do Cura xa é unha realidade tras trinta anos de espera”
O Pleno municipal aprobará proximamente a reordenación do Barrio do Cura, unha vez que a Xunta emitiu o último informe preceptivo pendente. Caballero amosou ou seu “orgullo” porque terminan tres décadas de abandono e marxinalidade dunha zona situada no corazón da cidade.
O Concello vén de recibir o último informe preceptivo previo á aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura. Unha vez recibida a autorización da Xunta, o goberno local está en condicións someter ao Pleno a modificación de planeamento polo que “o Barrio do Cura xa é unha realidade tras 30 anos de espera, trinta anos cunha zona marxinal e nós o solucionamos de xeito histórico e definitivo”.
Da man dun “gran arquitecto”, Alfonso Penelas, explicou Caballero, este proxecto,que foi aprobado 2014, permitirá rematar partes inacabadas do tecido urbano que veñen dos anos 60, resolver a articulación e conexión do Casco Vello con Torrecedeira, mellorar o acceso ás zonas do Paseo de Alfonso e Pi y Margall, a conexión peonil co Paseo de Alfonso con Santa Marta, Poboadores e Alfonso XII; dous novos ascensores na zona do Berbés para facilitar a mobilidade vertical, mellorar a mobilidade rodada coa ampliación do viario de conexión entre Paseo de Alfonso XII, Pi y Margall e Torrecedeira, coa apertura desta última rúa que quedou inacabada; dotar ao Barrio do Cura de case 4.000 m2 zonas verdes, 170 árbores, case 3.000m2 de espazos públicos e equipamentos, unha escola infantil, usos terciarios e un 30% de vivenda protexida, superando o mínimo determinado pola lei.